Estás en:Novas

A Deputación investirá preto de medio millón de euros na construción de sendas peonís na DP 1603 en Tufións (Vimianzo)

As obras serán aprobadas na sesión do pleno deste venres e suporán unha importante mellora da seguridade para os viandantes

O proxecto inclúe tamén a renovación da iluminación pública na zona, coa instalación de 16 luminarias LED

A Deputación investirá preto de medio millón de euros na construción de sendas peonís na DP 1603 en Tufións (Vimianzo)

A Deputación da Coruña aprobará na sesión do pleno deste venres investimentos por importe de máis de 2,6 millóns de euros para mellorar diversas estradas da rede viaria provincial.

Entre eles, destaca a a construción de sendas peonís na estrada DP 1603 ao seu paso por Tufións, na parroquia de Cereixo (Vimianzo), que suporán un investimento de 493.846,69 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que o proxecto responde á demanda realizada no seu día pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, co obxecto de mellorar a seguridade nunha zona que conta con numerosas vivendas e parcelas de uso agrario e que actualmente carece de beirarrúas ou espazos seguros para o paso peonil.

As obras executaranse no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+850 e 3+480, onde se construirán sendas en ambas marxes da calzada, o que suporá unha importante mellora para a accesibilidade e seguridade dos habitantes deste núcleo, facilitando os seus desprazamentos sen necesidade de ocupar a calzada.

As sendas, de 1,80 metros de ancho construiranse con firme de mestura bituminosa estarán delimitadas con bordos prefabricados para separalas do tráfico rodado.

Tamén se actuará sobre o firme da estrada, renovando o seu acabado mediante a dotación dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, instalarase un novo sistema de recollida de pluviais para mellorar a drenaxe da vía e dotarase ao tramo de novo sistema de iluminación pública, soterrando as liñas aéreas actuais e instalando 16 novas luminarias LED con soportes de 9 metros de altura, que mellorarán a iluminación da calzada e suporán un importante aforro enerxético.