Estás en:Novas

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa o proxecto "O rural de todas"

A iniciativa colaborativa ten como obxectivo visibilizar o traballo das mulleres nas aldeas

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa o proxecto

"O rural de todas" é un proxecto audiovisual impulsado pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña co obxectivo de contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres no rural. Os concellos de Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira participan no proxecto.

O proxecto audiovisual "O rural de todas" nace co obxectivo de contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres no rural a través dun documental cos testemuños de varias mulleres de distintos perfís. Para participar no proxecto foron seleccionados cinco concellos, con diferentes criterios estatísticos como son Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira.

"Se as mulleres foron silenciadas na historia, en determinados ámbitos aínda foron dobremente invisibilizadas. No rural acontece e, desta maneira, descoñécese o traballo que desenvolven e o papel que cumpren en distintos ámbitos, no traballo produtivo mais tamén na transmisión da cultura ou nos afectos... este proxecto ten como obxectivo visibilizalas e darlle o protagonismo que merecen", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

"O rural de todas" é un proxecto audiovisual interxeracional e colaborativo no que participan, ademais das mulleres protagonistas, grupos de nenas, nenos e adolescentes que ao longo dos meses de verán están a colaborar durante dúas xornadas, na documentación, guión e gravación do documental.

Seguindo un enfoque participativo e baseado na reflexión e o debate, a rapazada e as mulleres protagonistas traballan arredor de dous conceptos principais: igualdade e identidade rural. A través de distintas dinámicas que fomenten a implicación van abrollando achegas e experiencias das que sairá o guión do documental "O rural de todas", así como propostas de contidos e de localizacións para as gravacións.

A rapazada participa activamente e conta en todo momento co apoio de monitorado especializado e persoal técnico, que lles achega ás pautas da rodaxe, facendo unha introdución aos aspectos técnicos dun proxecto audiovisual e formando parte do proceso de creación. Debido á situación socio sanitaria actual, as actividades desenvolveranse respectando en todo momento as medidas de hixiene e prevención por mor da COVID.

Outros obxectivos do proxecto son concienciar e sensibilizar á veciñanza do legado das mulleres rurais, sensibilizar a sociedade sobre a igualdade de xénero e a loita contra a violencia de xénero, ofrecer unha visión feminina dos seus pobos, das súas vivencias e da natureza que as rodea, traballar sobre temáticas como; a sororidade, o sistema de coidados, as redes de apoio, a maternidade, o traballo produtivo, as relacións afectivas, a violencia contra as mulleres, o relevo xeracional, en definitiva rememorar e plasmar a súa forma de vida visibilizando e dignificando o papel que tiveron e teñen as mulleres no medio rural. A estas temáticas, engádense outras coma a sexualidade ou a reivindicación da memoria cultural e colectiva do rural desde unha perspectiva de xénero. 

Polo momento, foron realizadas xa as accións no Concello de Aranga e Muxía e o 3 e o 6 de agosto terán lugar en Ortigueira e Teo, respectivamente.

Páxinas suxeridas