Estás en:Novas

O Plan Único impulsa a execución de 319 obras nos concellos coruñeses durante este ano

O pleno aprobou hoxe unha partida adicional de 15 millóns que eleva o orzamento do POS+ ata os 66,2 millóns en 2020

González Formoso destaca que o plan contribúe a reactivar a economía e a mellorar as infraestruturas e servizos municipais

O pleno deu luz verde a destinar 10 millóns de euros para un novo programa de apoio a autónomos e microempresas que se desenvolverá en colaboración cos concellos

O Plan Único impulsa a execución de 319 obras nos concellos coruñeses durante este ano

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, unha partida adicional de 15 millóns de euros para o Plan Único.

Sumados aos 47,2 millóns do orzamento inicial do plan e aos 4 millóns de euros que a Deputación destinou este ano para que os concellos poidan afrontar os gastos sociais extraordinarios derivados da pandemia da Covid-19, o POS+2020 alcanza xa os 66,2 millóns investidos aos concellos coruñeses.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, agradeceu o apoio de todos os grupos para sacar adiante esta nova achega do POS+ e destacou "a importancia para os concellos dun Plan que permite a execución de 319 obras nos 93 concellos coruñeses durante este ano e que, ademais de mellorar as infraestruturas e servizos municipais, contribúe á reactivación económica da provincia".

Dos 15 millóns adicionais aprobados hoxe, un total de 8.145.956 destinaranse ao financiamento de 88 obras de mellora de infraestruturas e espazos públicos en 58 municipios da provincia. Ademais dos fondos provinciais, os concellos contemplan achegas por importe doutros 2.216.607,11 euros para estes investimentos.

Un total de 69 concellos decidiron tamén destinar parte dos fondos desta achega adicional do Plan Único a financiar o seu gasto corrente. Con estes fondos, a Deputación contribúe a financiar o funcionamento de numerosos servizos municipais básicos. Son investimentos que moitas veces non se ven, pero que son fundamentais para a veciñanza no seu día a día, pois van dende a recollida e tratamento de lixo, o alumeado público e a conservación de parques, xardíns, estradas e camiños municipais ao mantemento de servizos sociais, escolas infantís e outras prestacións públicas.

Destino dos fondos

Por comarcas, destacan as da Coruña-Betanzos e Santiago, que recibirán 4,77 e 4,64 millóns, respectivamente. As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal suman un investimento de 3.313.392 euros, mentres que Costa da Morte alcanza os 2,6 millóns e Barbanza 1,88 millóns de euros.

O Plan Único distribúe os fondos baseándose en criterios obxectivos e ofrece ademais total autonomía aos concellos á hora de decidir en que investir os fondos que lles achega a Deputación da Coruña, permitíndolles adaptar os investimentos ás necesidades concretas de cada municipio.

Así, por exemplo, concellos coma A Coruña, Santiago, Curtis, Sada, Ares, Cabanas, Cerdido, Padrón Carballo ou Coristanco apostan por mellorar as súas redes de saneamento e abastecemento de auga; mentres outros coma Arteixo apostan por mellorar a seguridade peonil coa construción de sendas ou como Teo, Dodro, Narón, Laxe e Malpica, destinan os fondos a mellorar infraestruturas sociais, educativas e deportivas

10 millóns de euros para autónomos e microempresas

O pleno deu tamén luz verde por unanimidade á modificación das bases do Plan de Emprego Local (PEL) para incluír unha nova liña que se desenvolverá en colaboración cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar aos autónomos e microempresas da provincia afectados pola crise da Covid-19.

A nova liña PEL-Reactiva, dotada con 10 millóns de euros, suporá duplicar o investimento da Deputación en materia de emprego, segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que explicou que se pediu á Xunta de Galicia "coordinar as axudas para facelas máis efectivas e non foi posible".

González Formoso explicou tamén o importante traballo de reestruturación orzamentaria levado a cabo polo goberno provincial para poder destinar estes 10 millóns aos autónomos da provincia.

Resumo dos investimentos aprobados no pleno

Páxinas suxeridas