Estás en:Novas

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos de asistencia a menores á Xunta de Galicia

Dous institutos de Secundaria e FP, un Conservatorio de Danza e dous centros asistenciais de menores supoñen para a Deputación un custe de máis de 14 millóns de euros anuais, a pesar de asumir competencias impropias

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos de asistencia a menores á Xunta de Galicia

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos e asistencias de menores ás consellerías de Educación e Asuntos Sociais da Xunta de Galicia e, mentres duren as negociacións, demanda un novo convenio que garanta a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos destes centros. Así o aprobou hoxe o pleno da Deputación cos votos a favor de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular.

A pesar de que goberno galego ten competencias plenas en materia de ensino e servizos sociais, a Deputación da Coruña ten a titularidade de dous centros de ensino secundario e Formación Profesional e de centros como o Fogar Infantil da Coruña e o Centro de Día de Menores de Ferrol aos que destina cada ano un total de 14.055.116,6 € dos seus orzamentos, fronte a unha achega da Xunta de 898.902 euros.

Estes son os datos nos que se basea a moción presentada polo Goberno da Deputación, integrado por PSdG-PSOE e BNG, que propón iniciar a transferencia dos centros educativos e asistenciais e, mentres se desenvolven as negociacións, formalizar un novo convenio que garanta por parte da Administración autonómica a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos dos centros.

A moción, que foi aprobada no pleno de hoxe cos votos a favor de PSdG-PSOE, BNG, Alternativa de Veciños e Marea Atlántica e a abstención do PP, afecta ao Instituto de Ensino Secundario Puga Ramón, o IES-Residencia Calvo Sotelo, o Conservatorio profesional de Danza eo Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña e tamén ao Centro de Día de Menores de Ferrol.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, indicou que o feito de a Deputación manteña a titularidade destes centros "supón un anacronismo histórico" e lastra economicamente, ano tras ano, os orzamentos da institución en detrimento dos concellos. "Son máis de 14 millóns de euros temos que dedicar cada ano a financiar servizos esenciais, pero impropios dunha Deputación", afirmou o presidente, que se mostrou disposto a "negociar coa Xunta" un marco de financiamento durante un prazo determinado, sempre e cando a administración autonómica asuma uns centros que son da súa competencia.

"Mantemos dous institutos, un conservatorio, un fogar infantil e un centro de menores, con custos desorbitados tratándose de competencias impropias que teñen que ser asumidas pola administración autonómica", sinalou tamén o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández que apelou "responsabilidade institucional para que a Xunta xestione as súas propias competencias"

A voceira do BNG, María Muíño insistiu en que a educación e os servizos sociais son competencia da Xunta de Galicia e "falamos duns orzamentos de máis de catorce millóns cando non achega nin un deles para o seu mantemento" e apuntou tamén que se velará nas negociacións por "garantir os postos de traballo e os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras dos centros".

Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica votaron tamén a favor da iniciativa, mentres o PP se abstivo argumentando que o goberno provincial "non quere ningunha competencia e si que desaparezan as deputacións".

Uso de superávits e remanentes das entidades locais

No pleno aprobáronse tamén dúas mocións, unha presentada por Alternativa dos Veciños e outra polo PP, arredor da utilización por parte dos concellos e a Deputación dos remanentes e superávits das entidades locais.

O acordo da iniciativa da Alternativa dos Veciños, defendida polo seu portavoz Ángel García Seoane, contempla unha convocatoria por parte da Presidencia da Deputación da Coruña a todas as corporacións da provincia para manifestarse antes as portas dos concellos ás 12:00 da mañá do próximo 7 de agosto para reclamar a eliminación da Lei orgánica 2/2012, de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, e da regra de gasto.

A moción contou con 20 votos a favor e a abstención do PSdeG- PSOE, cuxo portavoz Bernardo Fernández defendeu "estar de acordo co fondo, pero non coa forma", ao entender que a convocatoria tiña que estar feita desde a FEGAMP "xa que non é problema exclusivo da provincia da Coruña" e incidiu na "inxusta limitación" que a Lei Montoro supón para os municipios economicamente saneados, que son tratados igual que os endebedados.

A moción do PP, pola súa parte, aprobouse con 16 votos a favor (PP, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños) e 14 abstencións do PSdG e BNG, e recolle o "rexeitamento a calquera medida tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola veciñanza dos concellos" e provincia e insta ao goberno central a respectar e garantir a autonomía das entidades locais para a xestión dos seus recursos, atender as súas demandas, especialmente a referida á flexibilización da Regra de Gasto, segundo explicou a portavoz, Rosa Gallego.

"Compartimos o sentir de que os remanentes pertencen a veciñas e veciños dos concellos e corresponde a cada concello decidir como investilos para responder as súas urxencias", sinalou a voceira do BNG, María Muíño.

O representante de Marea Atlántica, Alberto Lema, defendeu o voto a favor das dúas mocións porque, segundo dixo, o non poder dispor deses fondos "vai en contra dos principios da autonomía local".

Por parte do PP, Rosa Gallego cualificou a situación como "o maior ataque á autonomía financeira dos concellos".

Na iniciativa que defendeu Angel García Seoane, voceiro da Alternativa dos Veciños, sinálase que "os cartos das administracións locais non son do Estado, non poden usurpalos para, supostamente, devolvelos en dádivas ao longo de dez anos".

Os centros educativos na Covid

O pleno aprobou tamén, con 16 votos a favor (PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica) e 14 abstencións (PP) unha moción presentada por Marea Atlántica referida aos centros educativos diante da Covid e, en concreto, a derivar aos concellos cuestións coma a limpeza dos de educación primaria e das escolas do CRA que se vén agravados polas esixencias de adoptar medidas preventivas complementarias e unha maior frecuencia nas sesións de traballo.

A iniciativa defende que a Consellería de Educación abra vías de participación, colaboración e financiamento cos concellos co obxectivo de afondar na imprescindible colaboración institucional e que a FEGAMP adopte unha posición activa e protagonista na defensa dos intereses das corporacións municipais.

Finalmente, o pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción presentada polo grupo Alternativa dos Veciños para celebrar a regata de traíñas Bandeira da Deputación da Coruña o primeiro fin de semana de setembro, sempre que a situación sanitaria así o permita.