Estás en:Novas

A Deputación e a AC Alexandre Bóveda levan ao porto da Coruña unha exposición de imaxes e poemas coas mulleres como protagonistas

"Nós somos elas" mostra unha selección de imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas

Estará instalada ao aire libre na Mariña da Coruña dos días 1 ao 30 de agosto

A Deputación e a AC Alexandre Bóveda levan ao porto da Coruña unha exposición de imaxes e poemas coas mulleres como protagonistas

Fotografías do Arquivo Vidal de Laxe con mulleres como protagonistas e poemas de vinte e catro autoras compoñen a exposición "Nós somos elas" que a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda inauguraron hoxe na Mariña da Coruña. A mostra quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes.

Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, concretamente de José Mª Vidal, da colección permanente do Museo de Mar de Laxe que se poden ver estes e até fin de mes no Parrote, na Mariña da Coruña.

A deputada de Igualdade, María Muíño, a presidenta da AC Alexandre Bóveda, Mª Xosé Bravo e o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, participaron, xunto cun grupo de poetas participantes na iniciativa no acto de inauguración que esta mañá se desenvolveu á beira da mostra, no peirao coruñés.

"Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas", sinalou na apertura a deputada, María Muíño que inseriu a mostra na vontade da Deputación da Coruña de destacar a "achega feminina á construción da nosa historia". Destacou tamén a vontade de achegar tanto a obra das poetas como as imaxes do arquivo Vidal a un público maior polo que se optou por instalar a mostra nun espazo ao ar libre nunha das zonas máis visitadas da Coruña.

Pola súa parte, a presidenta da AC Alexandre Bóveda, Mª Xosé Bravo, explicou a xénese do proxecto na idea de que "as imaxes dun arquivo tan extraordinario como o Vidal con case 70.000 fotografías que repasan a historia do século XX dialogasen coa palabra, cos poemas de autoras do noso tempo".

A mostra estaba prevista para o pasado mes de marzo mais a pandemia obrigou ao atraso e, nese tempo, faleceu a poeta Luz Pozo Garza da que se recollen uns versos que abren a mostra e que hoxe foi homenaxeada en palabras de Mª Xosé Bravo ao lembrar a súa "vitalidade, e as ganas de participar en iniciativas como esta ou o roteiro que hai poucos meses realizamos co fin de visibilizar as mulleres da historia da Coruña no que participou".

O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, agradeceu a iniciativa que protagonizan as fotos do Arquivo Fotográfico Vidal da colección permanente do Museo do Mar do seu concello e convidou a visitar un legado que pon en imaxes, de maneira especial, a vida cotiá de Bergantiños e Soneira.

O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal. Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras.

Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo. O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en "Nós somos elas".

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

Páxinas suxeridas