Estás en:Novas

Mañá abrirá o prazo para solicitar as axudas PEL RURINNOVA “Xuventude Emprendedora” e PEL RELEVO “Creación de emprego para a xuventude” da Deputación da Coruña

Estas dúas liñas, enmarcadas dentro do Plan de Emprego Local (PEL), contan cun orzamento total de 921.000 euros.

O obxectivo é a posta en marcha de proxectos empresariais de economía verde, azul ou circular e a contratación de menores de 30 anos nos municipios máis despoboados da provincia

Valentín González Formoso explicou que "activamos así dous proxectos do PEL orientados a facer fronte a perda constante de poboación do rural coruñés, en liña coa estratexia de goberno que anunciamos ao inicio do mandato".

Mañá  abrirá  o  prazo para  solicitar as axudas  PEL RURINNOVA “Xuventude Emprendedora” e PEL RELEVO “Creación de emprego para a xuventude”  da Deputación da Coruña

Hoxe publicouse no Boletín Oficial da Provincia a aprobación da convocatoria das dúas novas liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL): PEL-Rurinnova e PEL-Relevo. O praza para participar nestas convocatorias estará aberto desde mañá, mércores 5 de agosto, ata as 14 horas do 31 de agosto.

As dúas liñas en conxunto suman un investimento total de 921.000 euros, cofinanciados nun 91% polo Fondo Social Europeo (FSE), e teñen como obxectivo apoiar a inserción laboral, o autoemprego e o emprendemento entre a xuventude do rural.

"Activamos así dous proxectos do PEL orientados a facer fronte a perda constante de poboación do rural coruñés, en liña coa estratexia de goberno que anunciamos ao inicio do mandato", explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Ambas as dúas liñas pretenden facilitar que a mocidade poida atopar oportunidades laborais ou crear a súa propia empresa sen ter que abandonar o rural, xerando oportunidades de emprego, retendo o talento no territorio e, consecuentemente, evitando o seu baleiramento progresivo.

PEL RURINNOVA fomenta o autoemprego e a creación de empresas a través de accións e medidas dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais da mocidade mediante o traballo autónomo

A liña de PEL-Rurinnova, dotada con 489.000 euros, financiará a posta en marcha de proxectos empresariais innovadores promovidos por persoas menores de 30 anos do rural da provincia. As axudas a percibir por estas persoas emprendedoras poderán oscilar entre un mínimo de 4.050 euros e un máximo de 8.100.000 euros.

Ademais, esta liña inclúe un amplo calendario de actividades de formación, fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións e medidas dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais da mocidade mediante o traballo autónomo, asesoramento e soporte para persoas emprendedoras durante o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación dos seus diferentes plans e liñas de negocio, así como o futuro apoio aos mesmos dende a Rede Provincial de Espazos de Coworking.

Continuando coa súa liña de apoio ao emprendemento sustentable, a Deputación priorizará o acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sustentable e responsabilidade social empresarial no seu modelo de negocio.

PEL RELEVO xerará oportunidade laborais para menores de 30 anos do rural, garantindo o relevo xeracional dos negocios

A nova liña de axudas PEL-Relevo contará cun orzamento de 432.000 euros para incentivar a contratación de persoas menores de 30 anos, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, en empresas implantadas nos concellos da provincia de poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes ou concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes que conten cun saldo demográfico negativo.

As axudas a conceder oscilarán entre un mínimo de 2.700 euros e un máximo de 28.500 euros. Os contratos a realizar deberán manterse por un mínimo de 6 meses, ser indefinidos e de xornada completa. Se ben poderase admitir a modalidade de contrato a distancia ou teletraballo ou a existencia dun centro de traballo itinerante. Ademais débese ter en conta sempre que a persoa moza contratada se atope empadroada nun dos concellos incluídos no ámbito do proxecto.

En definitiva, PEL RELEVO ten como obxectivo facilitar o relevo xeracional dos cadros de traballadores das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.

Ademais destas axudas, o PEL conta xa con tres liñas máis de axudas á contratación: PEL-PEMES creación e ampliación do cadro de persoal, para empresas e persoas autónomas de municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes, PEL-PEMES mantemento, que subvenciona o segundo ano da contratación realizada ao abeiro de PEL-PEMES creación e ampliación da anualidade anterior e PEL-CONCELLOS, programa de integración laboral mediante a contratación de persoal en risco de exclusión para a execución de obras e servizos mínimos municipais.

Por outra banda, ven de lanzar o PEL REACTIVA destinado a autónomos ou microempresas de ata 9 empregados que viran reducidos polo menos nun 75% os seus ingresos durante a crise da COVID-19.

En definitiva, o PEL, a través de PEL-RELEVO e PEL-RURINNOVA súmase ao fomento do emprego xuvenil e á loita contra o reto demográfico como peza clave para o desenvolvemento socioeconómico e o crecemento sustentable da provincia.

O procedemento de tramitación e as diferentes xestións relacionadas con ambas liñas de axudas desenvolverase de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/