Estás en:Novas

A Deputación mellorará a seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto, en Toques

Valentín González Formoso visitou hoxe o lugar xunto co alcalde do municipio e constatou a necesidade de "incrementar a seguridade para os peóns nunha zona que conta con edificios a ambas as dúas marxes da estrada e que precisa dunha renovación para adaptarse á realidade das persoas que transcorren por ela"

A iniciativa, que foi aprobada no pleno do 31 de xullo e conta cun investimento provincial de 117.973,32 euros, inclúe a construción dunha nova senda peonil e outras melloras na zona

A Deputación mellorará a seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto, en Toques

A Deputación da Coruña sacará proximamente a licitación un proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto, no Concello de Toques. A actuación, que contará cun orzamento de 117.973,32 euros, foi aprobada no último pleno da corporación provincial que tivo lugar o pasado venres, 31 de xullo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a zona hoxe xunto co alcalde do municipio, Miguel Ángel Buján, e constatou a necesidade de "incrementar a seguridade para os peóns nunha zona que conta con edificios a ambas as dúas marxes da estrada e que precisa dunha renovación moi demandada para adaptarse á realidade das persoas que transcorren por ela", indicou.

As obras permitirán construír unha senda peonil de 2 metros na marxe dereita da DP-4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto. Esta unirase coas beirarrúas existentes en ambos os dous extremos. O camiño contará cun solo de cemento e será accesible para todas as persoas.

Á súa vez, incluirase no proxecto a prolongación da senda existente na marxe dereita da travesía do Souto entre os puntos quilométricos 7+479 e 7+585. Para iso empregarase pavimento continuo de formigón coloreado que contará cun ancho de 2 metros, similar á beirarrúa existente. A iniciativa tamén inclúe a execución dunha rede de recollida de pluviais nas zonas necesarias.

Con esta actuación "seguimos mellorando a seguridade viaria dos 2.500 quilómetros das nosas estradas provinciais, co obxectivo de que tanto os vehículos como os peóns que discorren por elas conten cun espazo axeitado para facelo sen poñer en risco a súa seguridade" destacou González Formoso.