Estás en:Novas

A Deputación continuará a mellorar o firme na estrada DP 0905 en Santa Xiá, no Concello de Monfero


Valentín González Formoso visitou hoxe a zona e constatou a necesidade de continuar mellorando "unha vía que conecta a Monfero tanto coa provincia da Coruña como de Lugo"

A obra, incluída no Plan de conservación en vías provinciais 2020, foi aprobada no último pleno provincial celebrado o 31 de xullo e conta cun orzamento de 467.473,26 euros

A Deputación continuará a mellorar o firme na estrada DP 0905 en Santa Xiá, no Concello de Monfero

A Deputación da Coruña iniciará proximamente o proceso de licitación do proxecto para continuar a mellora do firme na estrada DP-0905, que vai de Betanzos a Vilalba, ao seu paso polo núcleo de Santa Xiá no Concello de Monfero.

Así o confirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita oficial que hoxe realizou ao Concello de Monfero na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, Andrés Feal Varela.

González Formoso visitou durante a xornada de hoxe a estrada DP 0905 ao seu paso polo núcleo de Santa Xiá, onde constataron a necesidade de continuar mellorando "unha vía que conecta a Monfero, tanto coa provincia da Coruña como de Lugo".

A obra xa foi aprobada na última sesión plenaria da corporación provincial e conta cun orzamento de 467.473,26 euros, incluídos dentro da 5ª Fase do Plan de conservación en vías provinciais 2020 que supón unha inxección económica de preto de 1 millón de euros para renovar estradas da rede viaria provincial.

Os traballos a levar a cabo inclúen a demolición do firme, colocación de drenaxe e, posteriormente, dotado dunha capa de asfalto de cinco centímetros de espesor. Ao remate, sinalizaranse as marcas viarias con pintura acrílica para conformar, tanto o eixo como as bandas laterais da calzada.

No transcurso da visita Formoso explicou que se trata dun "investimento importante para mellorar a seguridade en máis de 6 quilómetros de vía" e tamén destacou a "continúa aposta do goberno provincial pola mellora da seguridade nos máis de 2.500 quilómetros das nosas estradas"