Estás en:Novas

A Deputación remata as obras de mellora do firme da DP 5903 de Ordes a Portomouro por Fuentechonia

A actuación contou cun orzamento de 81.473,33 euros e inclúese no Plan de conservación de vías provinciais.

A Deputación remata as obras de mellora do firme da DP 5903 de Ordes a Portomouro por Fuentechonia

A Deputación da Coruña rematou as obras de mellora da seguridade viaria na DP 5903 de Ordes a Portomouro por Fuentechonia, no concello de Ordes. A actuación contou cun orzamento de 81.473,33 euros.

As tarefas realizáronse na rúa do Recreo, que comeza no quilómetro cero da vía. Deste xeito renovouse o firme da estrada e a súa sinalización. As obras incluíron o tratamento superficial do firme con microaglomerado, mellorando a situación na que se atopaba a estrada. Tamén se repintaron as marcas viarias, incluíndo o pintado dun "stop" e dunha sinal de velocidade. Colocáronse 8 sinais reflexivas e unha barreira de seguridade metálica tipo bionda ao longo de 60 metros lineais e limpouse a taxea.

As obras tamén incluíron a apertura de cunetas en ambas marxes da estrada, roce de taludes e limpeza e formación de beiravías ao longo de dous quilómetros.

A actuación inclúese no Plan de conservación de vías provinciais e permitirá mellorar a seguridade do tráfico rodado da zona.