Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 227.697 euros as obras de mellora da DP 1802 ao seu paso por Ribadeume, nas Pontes

Construirase unha senda peonil de dous metros de ancho e un quilómetro de largo que incrementará a seguridade das persoas que vivan ou transiten pola zona.

A iniciativa inclúese dentro dunha ambiciosa actuación que contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que permitirá mellorar os 9 primeiros quilómetros da vía desde Veiga de Cabana ás Pontes.

A Deputación adxudica por 227.697 euros as obras de mellora da DP 1802 ao seu paso por Ribadeume, nas Pontes

A Deputación da Coruña acaba de asinar o contrato para a execución das obras de construción dunha senda peonil na estrada provincial DP 1802 á altura do núcleo de Ribadeume (As Pontes).

As obras foron adxudicadas por un importe de 227.697 euros e contan cun prazo de execución de 5 meses.

O proxecto consistirá na construción dunha senda peonil na marxe dereita da DP 1802. A nova senda irá elevada con respecto á estrada e estará constituída con pavimento continuo de formigón en masa. A súa lonxitude será de, aproximadamente, un quilómetro (do PK 15+280 ao 16+230), e contará cun ancho de dous metros. Á súa vez, contará cun sistema de recollida de pluviais e drenaxe.

"Esta actuación constitúe unha importante mellora da seguridade viaria das persoas que residen ou que transitan pola zona, que conta con vivendas a ambas as dúas marxes da vía", explica o alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Dentro das tarefas tamén se inclúe a mellora da iluminación pública en todo o tramo, substituíndo os actuais báculos e lámpadas de vapor de sodio por novas luces de sistemas LED. A medida permitirá mellorar a eficiencia enerxética e luminosa desta zona.

A obra permitirá completar a ambiciosa actuación que ten prevista o ente provincial nos primeiros 9 quilómetros da DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes. A iniciativa conta con 1,4 millóns de euros de orzamento previsto, que permitirá construír unha senda peonil nos primeiros 300 metros da vía e ampliar a ruta ata os 7 metros de ancho ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira. A devandita actuación suporá unha importante mellora na seguridade viaria, tanto para o tráfico rodado como para os peóns.