Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o festival Vilablues 5.1 de Noia


Raimundo Amador, Sés e Gisele Jackson & Shu Shu's encabezan o cartel do Vilablues 5.1, que recala en Noia do 21 ao 23 de agosto cun formato mixto de concertos gratuítos e de pago. Ademais das 6 bandas que actuarán no recinto principal do festival, a oferta de concertos durante eses tres días complétase co Galiza Blues, con actuacións en rúas e prazas da vila. O festival conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña apoia o festival Vilablues 5.1 de Noia

Despois de catro edicións celebradas en Vilagarcía o festival internacional Vilablues recala neste 2020 en Noia onde terá lugar unha edición especial, a 5.1, marcada loxicamente pola crise da covid-19 e as limitacións e medidas sanitarias impostas para este tipo de espectáculos.

O Vilablues conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña a través da liña de apoio a festivais e tamén co do Concello de Noia e terá lugar os días 21, 22 e 23 de agosto cunha combinación de concertos de pago e gratuítos no recinto principal -situado no patio do IES San Alberto-, e outros, sempre gratuítos, en diversas espazos emblemáticos da vila.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou no acto de presentación de Vilablues e destacou o apoio que a Deputación da Coruña presta aos festivais tanto organizados por concellos como por entidades como, "plataformas de difusión cultural, de creación de novos públicos e de dinamización económica para un sector que, máis que nunca precisa do apoio das institucións para a recuperación despois do confinamento que pechou escenarios e teatros".

PROGRAMA:
VENRES 21 | Escenario Mahou | Gratuíto (con reserva previa por internet)
- KOKO JEAN & THE TONICS (Mozambique / Barcelona)
- DIXIE TOWN (Galiza)
SÁBADO 22 | Escenario Mahou | 11 euros (venda a través de www.enterticket.es)
- GISELE JACKSON & SHU SHU´S (EE. UU.)
- SÉS (Galiza)
DOMINGO 23 | Escenario Mahou | 11 euros (venda a través de www.enterticket.es)
- RAIMUNDO AMADOR (Sevilla)
- ADRIÁN COSTA & CONVIDADOS (Galiza)
O primeiro concerto de cada xornada dará comezo ás 21 horas se ben o acceso ao público abrirase ás 19 horas. Neste sentido, a organización solicita acudir con suficiente antelación –entre 60 e 90 minutos- para evitar colas e atascos dadas as extraordinarias condicións de control de acceso e de situación de público que se han de respectar.
O recinto principal será innovador dentro dos eventos que se ven realizando en Galicia, cumprindo escrupulosamente coa normativa de riscos laborais, de seguridade e os protocolos COVI, sendo un evento seguro para artistas, traballadores e público.
O recinto estará organizado en base a mesas en torno ás que se colocarán as cadeiras en función do número de persoas que compren entradas por grupos. É dicir, as mesas poderán reservarse segundo os membros convivintes e terán capacidade de unha a oito persoas. De feito a organización porá á venda mesas, non tiques. E cada mesa contará con servizo de camareiro personalizado. A capacidade total do recinto rondará ás 800 persoas.

GALIZA BLUES
Ao longo dos tres días de duración do festival diversas rúas e prazas de Noia acollerán concertos de bandas galegas en pequeno formato. Concertos en escenarios pequenos a pé de rúa, situados estratexicamente en zonas de influencia hostaleira que teñen por finalidade apoiar o sector e poñer en valor o patrimonio arquitectónico e cultural de Noia
Estes concertos terán un aforo limitado e aínda que son gratuítos o público deberá facer a reserva de entradas previa por internet.

VENRES 21
- Sesión vermú: SABELA KING & THE HEARTBREAKERS
SÁBADO 22
- Sesión vermú: MAD MARTIN TRÍO
- Solpores no Malecón: NASTASIA ZÜRCHER
DOMINGO 23
- Sesión vermú: MOMBOI
- Solpores na Alameda: MR COOL