Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Coruña asinan o acordo para un novo plan de choque de limpeza na cidade

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín Formoso, asinaron esta mañá o convenio polo que Tragsa asumirá a prestación coa que se mellorará a salubridade de toda a cidade atendendo aqueles puntos con máis residuos e realizando un maior esforzo nas zonas cunha densidade alta de poboación

A Deputación e o Concello da Coruña asinan o acordo para un novo plan de choque de limpeza na cidade

O Concello e a Deputación da Coruña formalizaron esta mañá o convenio polo que a empresa Tragsa porá en marcha nos vindeiros días o novo Plan de choque de limpeza. O traballo comezará cunha primeira fase de 256.000 euros e 30 días de duración, en que se empregarán dez vehículos máis nos que desenvolverán as súas tarefas un total de 21 traballadoras/es, entre eles, seis son condutoras/es, doce peoas/peóns, dúas persoas capataces e unha con título medio. O horario laboral será de 07.00 ás 15.00 horas, de luns a venres, e non haberá quenda de tarde nin a nocturna para evitar os ruídos da maquinaria.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou na sinatura co presidente da Deputación, Valentín Formoso, que coa execución do plan se adecuará a cidade as súas esixencias e garantirase unha mellor salubridade.

Pola súa parte, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o convenio asinado é un exemplo de colaboración e expresou a súa satisfacción por que a Deputación sexa "un instrumento útil ao servizo dos concellos para servizos esenciais como a limpeza e a desinfección da Coruña nun momento en que é máis necesario aínda por mor da pandemia", engadiu.

Co novo contrato, o concello realizará un maior esforzo nas zonas cunha alta densidade de poboación e coordinará o labor do equipo contratado para a limpeza co do persoal traballador dos servizos ordinarios para que o plan adquira unha maior profundidade. Deste xeito, atenderase á posta a punto de elementos como as marquesiñas e os pavimentos, nos que se actuará nas manchas, verdíns, malas herbas e na sucidade en xeral. Tamén se realizará un baldeo con desinfectante das rúas e actuarase en localizacións concretas afectadas pola falta de hixiene ao concentraren unha cantidade excesiva de residuos.

Páxinas suxeridas