Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros a programación cultural da Real Academia Galega

González Formoso gabou o importante traballo que desenvolve a RAG na promoción da lingua e cultura galegas e destacou que a colaboración da Deputación está enfocada especialmente a actividades que se desenvolven entre persoas de fóra de Galicia e entre os máis pequenos

A Deputación da Coruña apoia con 60.000 euros a programación cultural da Real Academia Galega

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o seu homólogo da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o deputado responsable da área de Cultura, Xurxo Couto, asinaron na sede da institución provincial o convenio polo que a Deputación financia a programación cultural da entidade durante o presente ano.

A Deputación achega 60.000 euros, un 80% do orzamento que a Real Academia inviste na súa programación anual, que inclúe actividades como a revisión e o estudo da toponimia oficial da provincia da Coruña e a atención ás consultas dos concellos, a fase de finalización dun estudo sociolingüístico sobre competencias e usos do galego na infancia, a actividade "Primavera das Letras", que este ano permitiu divulgar entre os escolares da provincia a figura de Ricardo Carballo Calero e o seu importante traballo no eido etnográfico e cultural ou a realización de accións didácticas, expositivas, difusoras e dinamizadoras na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

González Formoso gabou o importante traballo que desenvolve a RAG na promoción da lingua e cultura galegas e destacou que a colaboración da Deputación está enfocada especialmente a actividades que se desenvolven entre persoas de fóra de Galicia e entre os máis pequenos.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu o apoio da Deputación para manter a actividade desta institución centenaria.

Páxinas suxeridas