Estás en:Novas

A Deputación da Coruña adquire cinco vehículos adaptados para entidades sociais da provincia

AMICOS de Boiro, ADACECO e ASPRONAGA da Coruña, o centro Lar A Mercé de Oleiros e a Fundación de Discapacitados Psíquicos da Barcala contarán con novos vehículos cedidos pola institución provincial

A Deputación da Coruña adquire cinco vehículos adaptados para entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva da súa liña de axudas para a adquisición de vehículos destinados ás entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia da Coruña.

Cun investimento total de 183.000 euros, un total de cinco entidades recibirán entre 29.000 e 40.000 euros para a adquisición destes vehículos adaptados, "que son unha demanda importante deste tipo de entidades sociais, xa que permiten o transporte diario dos seus usuarios e usuarias aos centros de día e centros ocupacionais, nos que realizan diferentes terapias e actividades", explicou a deputada responsable da Área de Benestar Social, Ana Lamas.

Os beneficiarios desta convocatoria son AMICOS de Barbanza (Boiro), a Asociación de Dano Cerebral Adquirido ADACECO da Coruña, a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca da Barcala (Negreira), o Centro de Menores Lar A Mercé de Oleiros e ASPRONAGA na Coruña.

A concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva no que participaron 17 entidades sociais da provincia, tendo en conta para a puntuación criterios obxectivos coma a antigüidade da entidade, a calidade na atención, o número de usuarios/ que atende e a súa procedencia, etc.

Co excedente da partida orzamentaria, que ascende a 199.000 euros, e as economías que se poidan producir nos procedementos de licitación pública da compra dos vehículos, realizaranse novas adquisicións de vehículos para as entidades participantes.

Páxinas suxeridas