Estás en:Novas

A Deputación da Coruña publica a obra sobre os soberanos da Galiza castrexa de Martín Fernández gañadora do Murguía

O autor reivindica a Galiza antiga como suxeito historiográfico

A Deputación da Coruña publica a obra sobre os soberanos da Galiza castrexa de Martín Fernández gañadora do Murguía

O libro "Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa" do investigador Martín Fernández Calo chega ás librarías e bibliotecas da man da Deputación da Coruña. A obra é a gañadora do XII Premio Manuel Murguía de ensaio.

A reivindicación da Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu é un dos obxectivos da obra "Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa" coa que o seu autor Martín Fernández Calo gañou o XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña.  O deputado de Cultura, Xurxo Couto, considera que a obra supón "un grande aporte ao coñecemento da nosa historia prerromana pois dá luz a uns tempos moi escuros cos que só se conta coa epigrafía como fonte ademais da interpretación que poidamos facer das fontes literarias clásicas".  

O xurado composto por Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente, escolleron a obra de Martín Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva. "A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa", apuntou no seu momento o fallo do premio que destaca tamén que "a tese dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas,españolas e estranxeiras)". "O autor sintetiza ben os obxectivos da investigación e os resultados acadados nas conclusións. E formula interrogantes cuxas respostas probablemente están enterradas nas ducias de xacementos castrexos sen escavar a día de hoxe", sinalan arredor da obra. Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia ocio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval. Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica. 

Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, gañadora do Manuel Murguía, a esta intención xeral adscríbese a súa tese de licenciatura (USC, 2015): A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a. C.-VIII d. C. O autor publicou tamén Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a. C.-VIII d. C. (Blukk Edições, 2018).

Páxinas suxeridas