Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia as Xornadas de Música Contemporánea e a Semana do Patrimonio Invisible en Santiago

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou na presentación dos dous programas culturais que se celebran neste mes de setembro

A Deputación da Coruña apoia as Xornadas de Música Contemporánea e a Semana do Patrimonio Invisible en Santiago

A Área de Cultura da Deputación da Coruña apoia as Xornadas de Música Contemporánea e a Semana do Patrimonio Invisible que se celebran neste mes de setembro en Santiago de Compostela. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou na presentación dos dous programas xunto coa concelleira de Cultura, Mercedes Rosón e os responsábeis dos dous programas.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou en Santiago na presentación dos programas da nova edición das Xornadas de Música Contemporánea e a Noite do Patrimonio e a Semana do Patrimonio Invisible. Na súa intervención, Couto destacou o papel da cultura na capital galega e a necesidade de que a programación cultural continúe desenvolvéndose coa aplicación das medidas impostas pola covid. "A seguridade é importante mais a cultura ten que seguir sendo a marca de identidade de Santiago de Compostela e as dúas cousas poden ir da man como é nestes dous programas que cumpren os protocolos e ofrecen a posibilidade dunha programación de calidade, que tanto necesitamos", sinalou Xurxo Couto.

As Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela volven do 9 ao 23 de setembro cunha proposta de media ducia de concertos e espectáculos que traen a Compostela as propostas máis innovadoras do panorama musical contemporáneo. Na presentación do programa, na que, ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto e a concelleira de Cultura de Santiago, Mercedes Rosón, participaron o director do CGAC, Santiago Olmo, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo Moledo. Nesta aposta pola cultura e produción de proximidade, as formacións musicais galegas cobran unha especial relevancia no programa.

Será o TAC (Taller Atlántico Contemporáneo) quen inaugure as Xornadas este mércores, nun concerto que se inscribe na celebración do seu décimo aniversario. O xoves, será a quenda de Suonosuono, unha formación de saxo e violoncello que presenta en 'Shaping Sounds' unha proposta que ten o movemento como un elemento central.

O movemento é tamén o eixe da proposta de Kukai Dantza en 'Erritu', o resultado do seu encontro co coreógrafo Sharon Fridman e que nesta ocasión contará coa participación do Coro da Rá e que se representará o venres 11 no Teatro Principal. A semana próxima será o turno de Vertixe Sonora que, cun programa que vai desde Juan Hidalgo a Roberto Morán, pasando por Catherine Kontz e outros salientables compositores contemporáneos, darán un concerto previo á inauguración da mostra 'Mirar o son', comisariada por Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo. A exhibición reúne partituras non convencionais que, desde mediados do século XX, amosan novas maneiras de achegarse á notación musical nas que a parte visual colle protagonismo. Ambas terán lugar no Auditorio de Galicia o mércores 16 de setembro.

O xoves 17 a Banda Municipal de Música ofrece na Praza de Praterías un percorrido pola tradición musical americana e europea de música de danza, no seu eixo común de transvase cultural e contemporaneidade. E será a Real Filharmonía de Galicia quen peche as Xornadas o día 23 de setembro baixo a batuta de Maximino Zumalave, cun programa que combina compositores galegos con obras da compositora polaca Grayna Bacewicz.

Patrimonio Aberto

No Concello de Santiago presentouse tamén a celebración da Noite do Patrimonio e a Semana do Patrimonio invisible, dúas actividades que contan tamén co apoio da Deputación da Coruña e que teñen como obxectivo poñer en valor a riqueza arquitectónica e cultural de Santiago. A Noite do Patrimonio, organizada no marco das actividades do Grupo Cidades Patrimonio de España celébrase o día 12 deste mes.

Pola súa banda, a Semana do Patrimonio Invisible organizada polo Concello de Santiago, celebra a súa terceira edición do 14 ao 18 de setembro, ofrecendo máis de medio cento de visitas a espazos habitualmente pechados ao público. Organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio de España, a Noite do Patrimonio, que se celebra o día 12 simultaneamente nas Cidades Patrimonio da UNESCO, celebrarase cunha serie de visitas guiadas aos obradoiros de artesáns, nos que se poderá coñecer de primeira man os seus procesos de traballo. Haberá tamén unha visita guiada ao Colexio dos Irlandeses e un itinerario teatralizado centrado na figura do arquitecto Domingo de Andrade, dirixido a un público familiar.

A Noite péchase coa estrea absoluta da obra de danza 'Conjurando lo invisible' de Aïda Colmenero, ás 20.30 horas no Museo do Pobo Galego; unha proposta na que a artista, acompañada de cantos populares galegos, conxura e reza con aquilo que non se ve, o invisible, as voces e presenzas ancestrais, non palpables, pero que sempre estiveron aí, cunha proposta que pretende encher o espazo de voces femininas. Este espectáculo será retransmitido por streaming a través da web: https://lanochedelpatrimonio.com e na web e nas redes sociais da UNESCO.

Pola súa banda, nesta nova edición da Semana do Patrimonio, organizada pola Concellería de Acción Cultural co apoio da Deputación da Coruña, realizaranse un ciclo de visitas guiadas a edificios e espazos que normalmente están fechados ao público. Ante o éxito acadado nos anos anteriores, o calendario amplíase de xeito notable, cun total de 50 visitas guiadas en diversos espazos da cidade. Algúns deles recuncan diante da demanda do público para coñecelos, como é o caso do Pazo de Ramirás–Colexio dos Irlandeses, o Hostal dos Reis Católicos, o Hospital de San Roque, a Casa Gótica, o Pazo de Amarante ou a Capela das Ánimas.

Este ano, ademais, inclúense novos espazos como o Colexio de Fonseca (que inclúe a visita ao Salón Nobre e a Biblioteca América), a Fundación Laboral da Construción, o edificio da Sede SGAE e unha visita especial aos mananciais medievais de Compostela. Os grupos de visita serán reducidos a un máximo de 8 persoas, nalgúns espazos máis pequenos 5 persoas, para poder garantir en todo momento as distancias de seguridade. Todas as visitas son gratuítas pero é preciso reservar praza a partir do mércores 9 de setembro na páxina web da Semana do Patrimonio Invisible: www.patrimonioinvisible.gal/reserva-a-tua-praza

Páxinas suxeridas