Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantén a súa programación coa adaptación aos protocolos sanitarios


Os concellos optan por reprogramar e adaptar os espectáculos antes de cancelar

A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantén a súa programación coa adaptación aos protocolos sanitarios

A Rede Cultural rexistrou até o momento tan só 11 cancelacións dos 1.307 espectáculos que forman parte da nova edición do circuíto da Deputación da Coruña, unha cifra similar á de edicións anteriores. Mantense así o nivel de programación coa adaptación ás novas circunstancias.

Os concellos están a optar por reprogramar e adaptar ás novas circunstancias a oferta prevista a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que apenas rexistra cancelacións nesta nova edición marcada pola pandemia da covid. En concreto, no día de hoxe, só once espectáculos da concesión inicial foron anulados, manténdose polo de agora os 1.297 restantes con cambios de datas e capacidades limitadas.

A cifra correspóndese ás producidas por edicións anteriores aínda que, neste caso, responde en varios casos a agrupacións musicais de moitas persoas e con idades avanzadas que optan por eliminar os riscos das actuacións públicas.

As actuacións estanse a celebrar maiormente ao aire libre, con capacidades limitadas e reserva de prazas e cumprindo todos os protocolos de seguridade para a prevención da covid ademais de implicación de persoal municipal e mesmo asociacións sociais e culturais das localidades.

"Estamos a constatar que o programa se está a desenvolver con normalidade, cumprindo as normas actuais de acorde con cada momento mais tamén con vontade de que a oferta cultural dos concellos se realice", sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Neste sentido, indica que esta é "unha extraordinaria noticia, xa que a Rede Cultural é fundamental para a recuperación dun sector que está a padecer a pandemia de maneira especial ao se pecharen os teatros e salas durante todo o tempo de confinamento". Para Xurxo Couto "no ámbito cultural é preciso que as dúas condicións se cumpran, o interese para que o sector poida desenvolver a súa actividade e tamén a seguridade das persoas, e iso é posíbel cumprindo as medidas, porque nin a música, nin o teatro nin o cine contaxian".

A Deputación da Coruña modificara as bases da Rede Cultural nesta nova edición para incluír o primeiro trimestre de 2021, co fin de contribuír a paliar os efectos da pandemia no sector. A Deputación destina 1.320.567,61€ a un circuíto que ofrece nos concellos da provincia un total de 1.307 actuacións culturais; 496 representacións teatrais, 247 concertos, 58 actuacións de maxia e 38 de danza en canto cultura ao vivo profesional ademais de 121 do programa Alicerce de cultura amadora.

Páxinas suxeridas