Estás en:Novas

González Formoso celebra o 85 aniversario do Club do Mar, “unha referencia da vida social, cultural e deportiva da Coruña”

O presidente da Deputación participou xunto a presidenta da entidade, Marián Ferreiro, e á concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, na entrega da medalla de ouro da entidade ás persoas que cumpriron 50 anos como socias

González Formoso celebra o 85 aniversario do Club do Mar, “unha referencia da vida social, cultural e deportiva da Coruña”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde xunto á presidenta do Club do Mar de San Amaro, Marián Ferreiro, e á concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez, no acto de conmemoración do 85 aniversario da entidade coruñesa.

González Formoso felicitou a directiva e os socios e repasou a longa traxectoria histórica da entidade que "85 anos despois da súa creación segue a ser unha referencia na vida social, cultural e deportiva da cidade da Coruña" e un "exemplo de modelo asociativo".

Submarinismo, pesca submarina, bádminton, fútbol sala ou natación son algúns dos deportes que impulsa o club, que tamén ten un papel destacado no eido cultural, xa que música, pintura, cine ou teatro ocupan periodicamente as súas instalacións para achegar a arte a todos os públicos.

O presidente provincial participou tamén na entrega das medallas de ouro da entidade ás 15 persoas que en 2020 cumpriron 50 anos ininterrompidos como socias/os do Club.

Formoso dixo que a historia da entidade "non sería posible sen o compromiso dos seus socios e o traballo das diferentes directivas que nestes 85 anos estiveron á fronte do Club do Mar".