Estás en:Novas

A Deputación da Coruña rexeita pedir ao Goberno a derrogación do Real decreto sobre os remanentes

González Formoso pide aos populares "valentía para cambiar a Lei Montoro, que fai que 16.000 millóns de euros dos concellos estean retidos nos bancos en vez de xerar emprego e actividade económica"

A Deputación da Coruña rexeita pedir ao Goberno a derrogación do Real decreto sobre os remanentes

O Pleno da Deputación da Coruña rexeitou hoxe a iniciativa do PP na que se pide, entre outras cuestións, instar á derrogación do Real decreto lei 27/2020 sobre os remanentes das entidades locais, pendente da súa posible validación mañá no Congreso, e subscribir o recurso de inconstitucionalidade que esta formación política prevé presentar no Congreso dos Deputados.

Nesta sesión extraordinaria convocada a instancias do Grupo Popular para debater monograficamente esta cuestión, a proposta de acordo foi desbotada cos 16 votos de PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e abstención de Marea Atlántica fronte aos 14 votos favorables dos deputados populares.

En declaracións aos medios antes do inicio da sesión, que se realizou de forma telemática, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que o Real decreto 27/2020 que o PP pide derrogar está aínda pendente de ser validado no Congreso dos Deputados e subliñou que a proposta do Goberno "é voluntaria e é a que permite o marco legal" para dar resposta a un problema xerado no ano 2012 coa Lei Montoro. "Unha lei aprobada polo Goberno de Rajoy que fai que en Galicia os concellos teñan retidos 200 millóns de euros e 16.000 millóns de euros dos aforros dos municipios de toda España". Uns fondos que están en contas correntes dos municipios "e non xerando emprego e actividade económica", apuntou.

González Formoso pediu "valentía" ao PP para "admitir o erro de reter 16.000 millóns de euros dos concellos e presentar a proposta de derrogación da Lei Montoro que o PSOE apoiaría". "Todos estamos en contra da Lei Montoro, pero necesítase maioría absoluta no Congreso para facelo", afirmou.

No pleno, o portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, anunciou o seu voto en contra á proposta do PP e considerou que "non procedía este pleno porque o tema xa foi debatido en diferentes ocasións" na Deputación.

O deputado da Marea Atlántica, Alberto Lema, que se abstivo na votación, puxo cifras á súa intervención destacando que "a fiscalidade española está sete puntos por debaixo do resto dos países que forman parte da OCDE, cunha subida de 3 puntos recadaríanse 30.000 millóns de euros, o dobre do que o Estado vai recadar coa incautación dos fondos que os concellos foron incapaces de executar por efectos da Lei Montoro". Ademais, dirixiuse ao PP para insistir en que "non se pode estar en contra da incautación de remanentes e superavits e estar a favor da Lei Montoro que é quen o provoca", polo que pediu tamén a súa derrogación. "Hai que ir a outro sistema que non impute ás entidades locais o custo da débeda", afirmou.

Pola súa parte, a voceira do BNG, María Muíño, cualificou de "chamativo e reiterativo" a convocatoria do pleno extraordinario para abordar unha cuestión que fora xa tratada en repetidas ocasións e lembrou que é no Congreso onde se vai votar o real decreto. Lembrou o rexeitamento do seu grupo ao real decreto e defendeu na súa intervención que os orzamentos teñen que ser utilizados, "en beneficio das necesidades de veciños e veciñas, de maneira especial, neste momento de emerxencia polo que xa esiximos en repetidas ocasións que os concellos poidan facer uso ao cen por cento dos cartos aínda que é necesario insistir en que esta situación deriva desde a Lei Montoro, da que o BNG pediu sempre a súa derrogación".

O portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, preguntou en pleno cantas mocións se van ter que aprobar para "que se dean por enterados de cal é a postura deste organismo que reclama de forma insistente que se nos permita aos concellos a utilización dos remanentes". Criticou que o PP, só reclame "cando as institucións non están gobernadas polo seu partido", polo que cualificou de "electoralista" a moción que están a presentar para o debate en plenos extraordinarios en concellos e deputacións do Estado.

Para o portavoz socialista, o PP entra en contradición cando "reclama os remanentes e pide ao tempo o cumprimento da Lei Montoro". Fernández lembrou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu publicamente a derrogación da Lei Montoro que vostedes eloxian nesta moción", dixo dirixíndose ao Grupo Popular da Deputación.

"Non é verdade que grazas a esa lei se xerara aforro, máis ben por culpa desa lei empeoraron os servizos dos cidadáns e, entre outras cousas, deixou os concellos ao borde do colapso porque impediu contratar persoal co que limitou moitísimo a súa actuación", sinalou Fernández que acusou ao PP de "falta de coherencia cunha defensa do municipalismo que vai por parroquias, só polas que non goberna".

A portavoz do PP, Rosa Gallego, afirmou que "a incautación dos aforros dos municipios faina a ministra Montero, non Montoro" e destacou que alcaldes de diferentes formacións políticas en toda España rexeitaron este decreto" que só conta co apoio do PSOE.

"O Real decreto de Montero é o peor, unha chantaxe e unha expropiación", afirmou a portavoz Popular, que considerou que "requisar fondos é un ataque á autonomía municipal".

Gallego pediu "unha postura clara e contundente da Deputación que" se comprometa a non entregar un euro dos seus remanentes.