Estás en:Novas

A Deputación da Coruña leva a música da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia

A Deputación da Coruña achega 1,5 millóns de euros para financiar as actividades da OSG en 2020

González Formoso destaca que a colaboración da Deputación permite levar a mellor música clásica aos concellos da provincia e achegala aos escolares a través da súa programación didáctica

Inés Rey agradece o apoio da Deputación e reclama á Xunta que cumpra o convenio coa OSG, á que adeuda 5 millóns de euros

O convenio permitirá seguir levando a música da OSG aos municipios coruñeses, adaptando a súa oferta ás condicións sanitarias

A Deputación da Coruña leva a música da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o deputado responsable da

Área de Cultura, Xurxo Couto, asinaron hoxe o convenio co Consorcio para a Promoción de Música da Coruña, co obxecto de financiar o programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) durante o ano 2020.

O convenio supón unha importante achega económica de 1,5 millóns de euros por parte da Deputación que permitirá, adaptando a súa oferta e formato ás condicións que marquen as autoridades sanitarias, que as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia sigan levando a súa música aos concellos da provincia. Debido á cancelación de actividades pola covid19, toda a programación pospúxose ao último trimestre do ano.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun "convenio importante para a cidade e a provincia da Coruña, que durante os últimos anos permitiu achegar a mellor música clásica a moitas vilas e cidades da nosa provincia" e que este ano pretende seguir facéndoo coas limitacións e restricións que marquen as autoridades para garantir a saúde da poboación, mentres traballa nun proxecto de streaming de concertos a porta pechada para a súa emisión na rede.

Apuntou tamén que, ademais dos concertos, o Consorcio para a Promoción da Música e a OSG realizan dende hai 28 anos "un gran labor formativo, didáctico e cultural, achegando a miles de escolares, mozas e mozos a música clásica, formando a novos intérpretes coruñeses que conseguiron prazas en grandes orquestras europeas e levando o nome de Galicia e da Coruña arredor do mundo". Nos últimos anos, máis de 23.000 escolares asistiron no Palacio da Ópera aos concertos didácticos e a canle de YouTube da Sinfónica tivo 14 millóns de visualizacións desde 227 países.

"Para a Deputación da Coruña e para calquera administración progresista a aposta pola cultura debe ser unha máxima e este convenio é unha concreción desa filosofía", concluíu o presidente provincial

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu a colaboración da Deputación "que supón un importante respaldo á Orquestra Sinfónica de Galicia, un dos referentes culturais da cidade con vocación nacional e internacional, que estende a súa actividade aos concellos da provincia".

Para a alcaldesa da Coruña, a sinatura deste convenio de 1,5 millóns de euros "é unha proba irrefutable do noso compromiso coa cultura, que oxalá tivera tamén a Xunta de Galicia á que lle reclamo unha vez máis que tome exemplo da Deputación e cumpra co convenio que ten coa OSG, á que lle debe máis de 5 millóns de euros", afirmou.

A OSG continuou a súa actividade durante o confinamento co proxecto Eu Son Futuro, co que os 90 integrantes da Orquestra Infantil continuaron formándose nas súas casas grazas a unha plataforma virtual con 18 profesores instrumentistas da OSG. O resultado poderá verse nun concerto público que dirixirá o titular da Sinfónica, Dima Slobodeniok, e na que os pequenos interpretarán o Concerto grosso de Ralph Vaughan Williams.

Páxinas suxeridas