Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta a impedir que a Fundación Franco continúe utilizando o Pazo de Meirás para facer apoloxía do franquismo

Na declaración institucional, fai un recoñecemento ao labor de persoas e entidades que loitaron pola recuperación da propiedade espoliada

O pleno rexeita unha iniciativa de Marea Atlántica de condena á fuxida do rei e por un referendo sobre a monarquía

A Deputación insta á Xunta a impedir que a Fundación Franco continúe utilizando o Pazo de Meirás para facer apoloxía do franquismo

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional pola que se insta á Xunta de Galicia a activar todos os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión das visitas guiadas ao Pazo de Meirás. Todos os grupos da corporación apoiaron a iniciativa na que se recoñece tamén o labor das persoas e entidades que participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás.

A Deputación da Coruña aprobou en pleno, co apoio do PSdG-PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, unha declaración institucional encamiñada a impedir que, despois de se facer pública a sentenza que obriga á familia do ditador a devolver a propiedade, a Fundación Franco continúe xestionando as visitas ao inmoble e utilizando o espazo para facer apoloxía do franquismo.

No texto da iniciativa lémbrase que foi precisamente a utilización da Fundación Franco do Pazo de Meirás para difundir o ideario fascista o que levou hai tres anos, o 15 de setembro de 2017 a iniciar "por responsabilidade institucional histórica", unha liña de acción que foi decisiva para levar a propiedade do inmoble ao xuízo que rematou cunha sentenza favorable á devolución do pazo ao patrimonio público.

Se entón, hai tres anos, o acordo plenario incluía o rexeitamento da institución á xestión do programa de visitas por parte da Fundación Francisco Franco e mostraba o seu apoio para que fose o propio Concello de Sada quen se ocupase do programa, agora, tres anos despois, a declaración da Deputación da Coruña recoñece que a situación mudou coa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña mais continúa de maneira "incomprensible" a mesma xestión do programa de visitas. O Pazo de Meirás, contempla a declaración, "segue a ser utilizado como templo do franquismo, con visitas guiadas que continúan a defender os idearios do movemento, incumprindo con impunidade a Lei da memoria histórica".

Despois de ter coñecemento desta situación, a Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a activar os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión de visitas guiadas ao Pazo de Meirás, obrigadas pola súa condición de BIC.

A Deputación da Coruña ofrécese, neste sentido, para, xunto co Concello de Sada e a propia Xunta, traballar conxuntamente "para que o Pazo de Meirás inclúa o relato completo da súa propia historia, desde que era propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán até a actual sentenza".

Finalmente, a Deputación quere, a través da declaración institucional, "recoñecer publicamente o labor de todas as persoas e entidades que nos últimos anos denunciaron este espolio e participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás".

Rexeitada a moción da Marea Atlántica sobre o rei emérito

No pleno foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e PP a moción da Marea Atlántica que esixía a celebración dun referendo no que a cidadanía decidira sobre a continuidade da monarquía como depositaria da Xefatura do Estado.

A iniciativa, que contou cos votos a favor do BNG e Alternativa, ademais da propia Marea Atlántica, contemplaba tamén a condena a fuxida do rei emérito "cando está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo" e buscaba instar ao "Goberno do Estado e ao congreso das Deputadas a que inicien unha investigación parlamentaria polas accións realizadas por D. Juan Carlos de Borbón desde o ano 2014, momento no que deixou de manter a súa condición de inviolabilidade xurídica".

O texto da moción de Marea Atlántica solicitaba tamén instar ao goberno do Estado a derrogar o delito de inxurias ao rei e á Casa Real e esixir "de probarse os delitos que se investigan, o reingreso as arcas públicas do patrimonio adquirido ilegalmente polo rei emérito".