Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inviste máis de 3,7 millóns de euros en obras de mellora das estradas provinciais

Ampliarase e renovarase a estrada DP 2302 de Hospital a Brens, no Concello de Dumbría

Aprobouse a primeira fase do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela
Tamén se ampliará a DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, onde nos primeiros 281 metros executarase unha senda peonil elevada para gañar en seguridade

A Deputación da Coruña inviste máis de 3,7 millóns de euros en obras de  mellora das estradas provinciais

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou, na sesión de hoxe, por unanimidade investir máis de 3,7 millóns de euros en tres proxectos para a mellora de varias estradas provinciais.

A primeira de elas, no concello de Dumbría, permitirá mellorar a DP 2302, que une os núcleos de Hospital e Brens, entre os PK 2+100 e 5+890. Os traballos permitirán ampliar a sección actual dotándoa de dous carrís de circulación con 3 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros, e a modificación de catro interseccións, co suavizado de curvas e a execución de carrís de espera e cuñas para facilitar as incorporación e mellorar a visibilidade. Ademais, repoñerase o firme en toda a zona de actuación.

O orzamento ascende a 995.368,84 euros, aos que hai que sumar os 94.154,67 que se destinarán ás expropiacións necesarias para levar a cabo o proxecto.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de seguridade viaria na zona, garantindo a coexistencia de peóns e automóbiles e mellorando a funcionalidade en certos tramos da estrada.

Ampliación da DP 7802 de Roxos a Reborido

Doutra banda, o pleno tamén deu luz verde á primeira fase do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela.

Así, o Goberno provincial presidido por Valentín González Formoso investirá máis de 1,2 millóns de euros nas obras, dos que 1.123.606 € se destinarán ao financiamento dos traballos e 101.649,50 ás expropiacións necesarias para a súa execución. O proxecto suporá unha importante mellora da seguridade do tráfico, ao contemplar o ancheamento da calzada e a creación de beiravías de seguridade nos laterais.

Esta primeira fase do proxecto contempla a ampliación da vía nos 2,6 primeiros quilómetros do seu percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A vía contará con dous carrís de 3,5 metros, con beiravías dun metro a cada lado, totalizando un ancho de plataforma de 9 metros.

O proxecto inclúe ademais a pavimentación da vía, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de balastro artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe, e renovación da sinalización horizontal e vertical. O seguinte quilómetro 2+620 ao 3+710 (Reborido) será obxecto da segunda fase.

Mellora da DP 1802 entre Veiga de Cabana e As Pontes

Por último, A Deputación da Coruña investirá 1,4 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, entre os PK 0+000 e o 8+808.

Trátase dun importante proxecto que permitirá anchear e mellorar a seguridade nos 8,8 primeiros quilómetros da vía, que discorre polos núcleos de Goente e A Faeira, onde a plataforma será ampliada ata obter os 7 metros de ancho e beiravías de medio metro, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación coma dos peóns.

As obras, que contan cun orzamento de 1.462.425 euros, incluirán tamén a construción dun sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

Ademais, nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa vía principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, executarase unha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada. Con esta actuación preténdese garantir a circulación dos viandantes en condicións de seguridade axeitadas.

Páxinas suxeridas