Estás en:Novas

A Deputación financia a rehabilitación da cociña do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares

Valentín González Formoso e Julio Iglesias asinaron hoxe o convenio para financiar as obras

A obra conta cun orzamento de 131.000 euros que servirán para renovar a cuberta, os pavimentos e eliminar as filtracións de auga no edificio

A Deputación financia a rehabilitación da cociña do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares

A Deputación da Coruña e o Concello de Ares investirán 131.000 euros nas obras de reparación da cuberta da cociña do mosteiro de Santa Catarina de Montefaro, no concello de Ares.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, asinaron hoxe o convenio polo que o ente provincial financiará o 98% da actuación, investindo 128.855 euros, e o restante achegarase a través de fondos do Concello.

González Formoso destacou que este acordo permitirá acometer unha nova obra de rehabilitación do cenobio que se suma a outras xa acometidas nos últimos anos polo goberno municipal de Julio Iglesias "para manter e pór en valor o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, un valioso patrimonio para Ares e para toda a provincia da Coruña".

Pola súa banda, o alcalde agradeceu o apoio da Deputación, que suporá "un paso máis" na rehabilitación do cenobio.

A iniciativa permitirá reparar a cuberta da cociña deste cenobio que data do século XIV, dando solución aos problemas de filtración de auga de chuvia existentes na actualidade, e devolvendo a cuberta ao seu estado orixinal, previo á reforma militar. A solución comporase dunha estrutura de madeira serrada que se adapte correctamente ao ambiente húmido da zona. Á súa vez, instalarase un tensor metálico para que as vigas funcionen de forma axeitada. O forxado realizarase mediante un taboleiro de madeira hidrófugo que será base para o illamento térmico e acondicionamento acústico do lugar.

Tamén se realizarán melloras no chan das salas. Levantaranse as baldosas cerámicas, as lousas de pedra e os recrecidos que compoñen a sala principal e a máis pequena para substituílos por un novo recrecido e un pavimento liso continuo de 10 mm de espesor. Á súa vez eliminarase a parede que divide a sala principal en dúas.

Ademais, co proxecto prevense sanear a humidade que se pode apreciar nos muros do edificio. Farase a través dunha drenaxe perimetral para a recollida da auga de escorredura, evitando que esta siga o seu curso fóra do alcance do muro. Tamén se avaliará a posible incidencia das raíces das árbores próximas, por se puideran causar algún efecto na cimentación da construción.

Por último, destinarase parte da partida a reparación de incidencias nas xanelas, portas e faltas na fachada.

Páxinas suxeridas