Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Outes estudan novas vías de colaboración para a promoción turística dos recursos do mar

O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou as carpinterías de ribeira de Outes e reuniuse co alcalde Manuel González

A Deputación da Coruña e o Concello de Outes estudan novas vías de colaboración para a promoción turística dos recursos do mar

A promoción de distintos produtos turísticos, a rehabilitación dunha carpintería de ribeira, o apoio á campaña do sector ou a sinalización de dúas rutas de sendeirismo foron algúns dos temas da xuntanza do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, co alcalde de Outes, Manuel González. Na visita ao concello, Xosé Regueira destacou a grande potencialidade turística do concello e o interese dos proxectos vinculados ao turismo do mar.
A carpintería do mar é un recurso de especial interese na promoción turística do Concello de Outes  e a súa promoción foi un dos eixos da visita hoxe ao concello do vicepresidente e responsábel de Plans, Patrimonio e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira ,que se reuniu co alcalde Manuel González para estudar novas vías de colaboración para apoiar distintos proxectos municipais. A tenente de alcalde, Alba Quintela e a concelleira e deputada provincial, Mª Beatriz Molinos, ademais de persoal técnico das dúas institucións, participaron tamén na visita.
De maneira especial, o alcalde destacou o traballo que se está a desenvolver para rehabilitar un dos últimos estaleiros de ribeira e convertelo en centro de interpretación. Ademais, na xuntanza abordáronse distintas posibilidades de apoio á nova campaña de promoción turística que, desde este verán está promovendo o Concello de Outes, con distintos soportes e produtos co obxectivo de ofrecer unha oferta sostíbel e de calidade.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou na rolda de prensa que se desenvolveu no Freixo que o Concello de Outes, "ten un bo deseño de produto e unha gran potencialidade que vai dar resultados con proxectos que dá gusto compartir e apoiar e co que tentaremos colaborar na medida das nosas posibilidades". Referíase Regueira á campaña de promoción que botou a andar este verán e a iniciativa relacionadas co patrimonio e os recursos do mar, desde a carpintería de ribeira aos deportes náuticos pasando polas iniciativas vinculadas ao interese turístico do marisqueo.
"A carpintería de ribeira está declarada BIC e consideramos que é necesario apoiar proxectos de recuperación e promoción como o do Concello de Outes de rehabilitación dun estaleiro tradicional que será, sen dúbida, un punto de referencia no sector", apuntou Regueira ao tempo que engadiu que o proxecto será positivo non só para o concello senón tamén "para o xeodestino e a totalidade da provincia e o conxunto do patrimonio galego vinculado ao mar".
Pola súa parte o alcalde, Manuel González, agradeceu a visita que tiña como obxectivo compartir coa Deputación os proxectos da área de turismo do concello, de maneira especial, a campaña de promoción. "Queriamos amosarlle o atractivo turístico que temos e presentar distintos proxectos como a campaña de promoción cunha web dinámica, un vídeo, unha guía e un traballo continuado en redes sociais así como a sinalización de dúas rúas turísticas de sendeirismo, unha que atravesa o Freixo e outra que transcorre por Ponte Nafonso cunha grande riqueza paisaxística e patrimonial", explicou o alcalde.
No transcurso do encontro, visitaron tamén a lonxa e o estaleiro tradicional que será rehabilitado que é, segundo o alcalde, un "exemplo dun sector no que Outes foi centro neurálxico de toda Galiza con multitude de pequenas carpinterías nos que se fixeron centos de barcos".  O proxecto desenvolverase en dúas fases, a primeira contemplará a rehabilitación da carpintería e o proxecto museográfico e a segunda de acondicionamento da contorna, cun orzamento duns 600.000 euros no seu conxunto para o que se conta coa achega de fondos europeos.
Memoria de case corenta estaleiros tradicionais
A pesar de ter contado na súa historia con case de corenta carpinterías de ribeira, na actualidade só resisten os estaleiros que se poden visitar no porto do Freixo. A comezos do pasado século Outes e, en concreto, o Freixo foron o concello e a parroquia con máis carpinterías e talleres para embarcacións de madeira en todo o territorio galego, con máis de 36. Despois de 1940 a actividade irá decrecendo e, na actualidade, tan só resisten catro talleres en activo no Freixo.
Entre outros produtos turísticos, no concello desenvolveuse a ruta Os Carpinteiros cos Pés Mollados -nome tomado do libro de Santiago Llovo, O Freixo de Sabardes: a terra dos carpinteiros cos pés mollados- que transcorre entre o Freixo e Broña e forma parte da experiencia "Vivir o marisqueo",
Na reunión, ademais das distintas iniciativas relacionadas coa carpintería de ribeira e as embarcacións tradicionais, tratáronse distintos aspectos relacionados coa promoción dos deportes náuticos como atractivo turístico.