Estás en:Novas

A Deputación inviste preto de 800.000 € para o mantemento de 47 centros de servizos sociais

O ente provincial publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional destas axudas a un total de 47 entidades sen fins de lucro para manter as súas instalacións

A Deputación inviste preto de 800.000 € para o mantemento de 47 centros de servizos sociais

A Deputación da Coruña inviste 783.615,49 euros para o mantemento de centros de servizos sociais da provincia ao longo deste ano.

O ente provincial acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a listaxe provisional das entidades sen fins de lucro beneficiarias destas axudas. Un total de 47 asociacións da provincia contarán con estas subvencións para o mantemento dos seus centros. As contías outorgadas oscilan entre un mínimo de 5.171,13 euros e un máximo de 25.000 euros.

1,6 millóns para apoiar a entidades sociais

Centros de rehabilitación psicosocial e laboral, ocupacionais, de acollida, de inclusión social, de menores e vivendas comunitarias son algunhas das instalacións que se manteñen a través deste programa provincial, que complementa ao programa de actividades para actividades no eido dos servizos sociais recentemente aprobado, no que a Deputación inviste outros 800.000 euros e que chega a 60 entidades da provincia. En total, a área de Benestar Social que dirixe a deputada Ana Lamas vén de conceder máis dun centenar de subvencións a outras tantas entidades sen ánimo de lucro da provincia, cun investimento total de 1,6 millóns de euros.

"Mellorar a calidade de vida das persoas é un dos obxectivos da Deputación, por este motivo convocamos estas axudas das que se benefician miles de persoas con diversidade funcional, adiccións ou en risco de exclusión social, así como colectivos vulnerables, como menores de idade ou persoas maiores", indicou Ana Lamas, que destacou "o gran labor social" que desenvolven estas entidades.

Ligazón ao BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/09/17/2020_0000006449.pdf

Páxinas suxeridas