Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia unha edición especial de Curtocircuíto con sedes físicas e en liña

Curtocircuíto reunirá o máis destacado do cinema actual a través dunha rica programación que non só exhibirá películas -tanto de forma presencial como a través de Filmin, sede en liña do festival-, senón que tamén ofrecerá concertos ou performances. A Deputación da Coruña colabora no festival de Santiago de Compostela que inaugura un outono de cine na capital galega.

A Deputación da Coruña apoia unha edición especial de Curtocircuíto con sedes físicas e en liña

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, participou en representación da Deputación da Coruña na presentación no concello de Santiago de Compostela dunha nova edición de Curtocircuíto nun acto no que tamén interviron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e o director do festival, Pela del Álamo.

O festival de curtas chega este ano á súa 17º edición e desenvolverase do 3 ao 11 de outubro en diversos escenarios da cidade. Acompañado do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, o alcalde salientou que se presenta 'unha edición completamente atípica de Curtocicuíto, polas circunstancias que estamos a vivir", incidindo na necesidade de que as administracións públicas apoien o sector cultural mantendo as súas programacións.

Na súa intervención, Xosé Luís Penas destacou o apoio decidido da Deputación da Coruña aos festivais tanto organizados por concellos como por entidades como plataformas de difusión cultural, de creación de novos públicos e tamén de dinamización social e económica. Neste sentido, explicou que Curtocircuíto recibe apoio da Deputación a través dunha das dúas liñas de subvencións en concorrencia competitiva que sitúan á institución provincial á cabeza das que se comprometen coa organización dos festivais. De maneira especial, Penas fixo fincapé na necesidade de afortalar o sector audiovisual galego, "clave para a creación de identidade e a exportación da nosa cultura e mesmo do noso país".

Curtocircuíto preséntase nesta edición cunha programación compacta, determinada polos aforos reducidos nas sala e cunha aposta clara polas sesións en liña e seccións especiais dedicadas ao cinema galego, coidando de seguir facendo dos escenarios do festival espazos sanitariamente seguros. Durante 9 días, Santiago de Compostela converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán arredor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais.

Entre os últimos detalles da programación, destacan o Foco dedicado á figura imprescindible do director e actor Dennis Hopper; a sección Longas x Curto que mostrará as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas consolidados e próximos ao festival como son Lois Patiño, Camilo Restrepo, Oskar Alegria ou Jessica Sarah Rinland; a recuperada sección Playlist, co documental que retrata á banda de rock industrial SWANS; os concertos e performances A/V de artistas singulares como Javier Diez Ena, Julián Mayorga, Elías Merino ou Amorante; e todo un conxunto de entrevistas e mesas redondas en liña que, desde calquera dispositivo dixital, nos permitirán achegarnos ao universo de personalidades como Alex Cox, Carla Simón, John Alan Simon, Eva Sangiorgi, Cristina de Middel, Celia Rico, Oliver Laxe, Carlos Muguiro ou Ricardo Cases, entre outros moitos.

Páxinas suxeridas