Estás en:Novas

Miño mellora a súa rede de saneamento e abastecemento de auga con investimentos do Plan Único da Deputación

Saen a licitación as obras de renovación das redes de saneamento de Sombreu e de abastecemento de Ponte do Porco

Tamén se levarán a cabo traballos de pavimentación en camiños municipais de Vilanova, Perbes e Miño

Miño mellora a súa rede de saneamento e abastecemento de auga con investimentos do Plan Único da Deputación

O Concello de Miño segue desenvolvendo obras de renovación, ampliación e mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga grazas aos investimentos do Plan Único da Deputación da Coruña.

O municipio vén de sacar a licitación por 129.683,20 euros as obras de renovación da rede de saneamento de augas pluviais e residuais que dá servizo ao núcleo Sombreu, onde a veciñanza conta actualmente cun servizo deficiente debido ás roturas que se producen na antiga rede de formigón, chegando nalgúns puntos a mesturarse pluviais con fecais.

Así mesmo, renovarase a rede municipal de abastecemento de auga da Ponte do Porco, cun investimento provincial de 40.000 euros. As obras incluirán a instalación de novas tubaxes de polietileno e fundición dúctil que garantan un subministro axeitado de auga.

Mellora de camiños municipais

Tamén están en fase de licitación pública, cun orzamento de 124.770 euros, as obras de reafirmado de diversos camiños municipais nas parroquias de Vilanova, Perbes e Miño.

Os traballos comprenden a súa limpeza, a execución de novos tramos de cuneta de formigón e a renovación do pavimento. Proxéctanse ademais medidas de mellora da seguridade viaria como a construción de sendas de formigón e a instalación de nova sinaléctica horizontal.

Páxinas suxeridas