Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 633.000 euros para apoiar a 188 clubs e entidades deportivas da provincia

O BOP publica a concesión definitiva das liñas de subvencións para o fomento de actividades deportivas e para a melloras das infraestruturas e equipamento dos clubs

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca a importancia das axudas para promover o deporte de base

A Deputación da Coruña destina 633.000 euros para apoiar a 188 clubs e entidades deportivas da provincia

A Deputación da Coruña destina este ano máis de 633.000 euros para apoiar a 188 clubs e entidades da provincia no fomento de actividades deportivas e na mellora das súas infraestruturas e equipamentos.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a concesión definitiva destas dúas liñas de subvencións que, por unha banda, permitirán apoiar a 111 clubs e entidades sen ánimo de lucro na realización de actividades e axudarán a outras 77 asociacións deportivas na construción de novas infraestruturas, mellora das existentes e adquisición de novos equipamentos para a práctica do deporte.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia de ambos programas "para promover o deporte de base na provincia, especialmente entre os escolares, onde se forman as futuras xeracións de deportistas, e atender as necesidades dos clubs e entidades, dotándoas dos medios adecuados para permitirlles desenvolver a súa actividade"

Coa liña de subvencións para infraestruturas e equipamento, a Deputación colabora coas entidades en cuestións que van dende a adquisición de material de adestramento e competición até a compra de embarcacións e vehículos, pasando por obras de rehabilitación e reforma de instalacións deportivas. As axudas oscilan entre os 1.400 e os 7.500 euros.

A liña de apoio á realización de actividades, con axudas entre 1.000 e 7.000 euros, destínanse ao fomento de todas as disciplinas deportivas, desde fútbol, baloncesto ou atletismo a taekwondo, deportes náuticos, tenis de mesa ou pesca deportiva.

Parte destas axudas están especialmente adaptadas á promoción do deporte adaptado entre colectivos con diversidade funcional, á recuperación de deportes tradicionais e á programación de actividades deportivas extraescolares por parte das ANPAS.

LISTAXE DAS SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS

Axudas para actividades:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/09/28/2020_0000006727.pdf

Axudas para infraestruturas e equipamento:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/09/23/2020_0000006576.pdf

Páxinas suxeridas