Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a celebración de corenta festivais organizados por concellos e entidades no ano da Covid19

Un total de vinte e nove desistiron das axudas ao optar pola cancelación nos peores meses da pandemia

A Deputación da Coruña apoia a celebración de corenta festivais organizados por concellos e entidades no ano da Covid19

Corenta festivais celébranse este ano coa apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña que destina case setecentos mil euros a apoiar o seu desenvolvemento en circunstancias tan especiais como as deste 2020 marcado pola pandemia. Un total de vinte e nove dos que concorreron inicialmente á convocatoria decidiron non realizar finalmente os eventos.

Cando a pandemia provocada pola COVID19 mudou todas as previsións de actividades sociais e culturais, as dúas convocatorias para apoio a festivais organizados por concellos e entidades xa tiñan pechado o prazo de presentación mais, dada a urxencia da situación, desde a Deputación da Coruña abriuse un novo período para que as organizacións optasen por mudar programas, calendario ou formatos co fin de manter, na medida do posíbel, a realización dos eventos. A resolución final das convocatorias mostra que, dos que concorreron ás dúas liñas de axudas, un total de corenta festivais decidiron seguir adiante cos seus programas mentres que vinte e nove optaron por desistir da convocatoria ao decidir a cancelación.

"Que corenta festivais se celebren neste ano adaptándose ás condicións sanitarias impostas pola pandemia é unha boa noticia porque supón que as organizacións, tanto concellos como entidades, optaron por modelos de cultura segura e por manter uns eventos que son de especial importancia tanto para a promoción e difusión cultural como para a dinamización do sector nun momento especialmente delicado", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

En canto ás cancelacións, apunta que se debe "ás decisións adoptadas polas propias organizacións, en especial, por estar previstos no momento máis difícil da pandemia, cando as condicións impedían o desenvolvemento de actos públicos ou mesmo no propio período de confinamento".

Dos festivais organizados por entidades, a Deputación da Coruña apoia este ano 22 festivais entre os que se atopan Galicreques, Feito a Man, Festival das Carrilanas de Esteiro, Vilablues Noia, Diversidarte, Sea Sons, Titiriberia, Fiot, S8, Felipop ou Mice. Desistiron. Por outra parte, catorce festivais como o Abride a Fiestra da Fundación Rosalía de Castro, Festival Musical Rock & Dorna, Castelo Rock, Carballeira de Zas, o Festigal, Rock in Rian, O Loru Facu ou Festival do Río Castro, entre outros, optaron por rexeitar a participación na liña de axudas ao decidir non celebrar os eventos.

En canto aos organizados polos concellos, 18 reciben axudas, entre os que se atopan, o concello Curtocircuíto e Cineuropa de Santiago, o Festival do Queixo de Arzúa, o de Interplay de Carballo, Festival das Ondas de Fene, a Mostra de Teatro de Cariño, o Fisterra Blues, Mares da Fin do Mundo de Outes, Singular de Narón ou o Festival Noites de Jazz de Rianxo. Canceláronse ou desistiron de participar nesta convocatoria quince festivais, entre eles o Millarock de Ames, Cinema Miúdo de Ames, Guísamo Folk de Bergondo, Un Mar de Danzas de Camariñas, Rock in Cambre, Traz outro amigo Tambem de Cedeira, Foliada e Festival do Melindre de Melide, Noite de Bolos de Neda, Desordes Sonoras de Ordes, Naturfest de Rois, Chanfaina Lab de San Sadurniño ou Asalto ao Castelo de Vimianzo.

En total, a Deputación da Coruña concedeu 337.805,23€ ás entidades sen ánimo de lucro e 345.967,61€ aos concellos organizadores de festivais, case setecentos mil euros destinados ao apoio da creación e difusión cultural a través de corenta eventos que son tamén fundamentais para a dinamización económica e turística dos concellos. Son, conxuntamente, 683.772,84 os euros que a área de Cultura inviste este ano nas dúas liñas de subvención creadas para o apoio ao desenvolvemento de festivais musicais, teatrais e audiovisuais neste ano especialmente marcado pola pandemia que afectou á realización de eventos públicos. 

Páxinas suxeridas