Estás en:Novas

Cambre inaugura a Biblioteca Central, que cumpre cunha demanda histórica dos veciños

Ao acto de inauguración acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Cultura, Mónica Varela

Con esta obra, "Cambre dá un paso máis en infraestruturas e servizos para a cidadanía pero, sobre todo, en cultura", explicou o rexedor durante a súa intervención.

González Formoso afirma que a Biblioteca "é un bo exemplo da utilidade do Plan Único para os concellos" e manifesta a súa satisfacción porque a infraestrutura "sexa por fin unha realidade"

Varela expresou a súa intención de que a instalación sexa "un espazo de convivencia entre maiores e pequenos onde poidamos aprender os uns dos outros

Cambre inaugura a  Biblioteca Central, que cumpre cunha demanda histórica dos veciños

Un espazo aberto, diáfano e que aspira a converterse nun punto de encontro interxeracional. Así é a nova Biblioteca Central do Concello de Cambre, que viviu hoxe a súa xornada inaugural. Ao acto acudiron o alcalde, Óscar García Patiño, o presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso, a concelleira de Cultura, Mónica Varela. Así mesmo, o evento contou coa presenza do resto de concelleiros e concelleiras do goberno local, así como de representantes do resto de partidos da corporación municipal. Os deputados provinciais José Ramón Rioboo e José Manuel Lage Tuñas acudiron tamén á presentación. Coa apertura desta dependencia, o goberno local dá resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas do municipio.

Ao comezo do evento, a responsable de Cultura realizou un pequeno circuíto pola dependencia para as autoridades convidadas. As novas instalacións, de máis de 500 metros cadrados, contan con espazo para adultos e para nenos e nenas, así como con zona de baños, área de despacho e administrativa, etc. A dependencia utilizarase como punto de consulta bibliográfica e de estudo e servirá, ademais, para realizar actividades infantís, obradoiros, proxeccións, charlas, etc.

Ao remate da visita, o rexedor agradeceu "o apoio incondicional da Deputación da Coruña a estas actuacións e, de seguro, a outras que virán nun futuro próximo". García Patiño incidiu en que a apertura da Biblioteca Central cumpre "cunha demanda histórica dos veciños e veciñas do municipio". "Máis aínda atendendo á cifra de usuarios e usuarias que facían uso das antigas instalacións", explicou o alcalde. En concreto, no ano 2019, a cifra de persoas asociadas era de 3.252. "Hoxe, Cambre dá un paso máis en infraestruturas e servizos para a cidadanía pero, sobre todo, en cultura", concluíu o rexedor.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, expresou a súa satisfacción porque "a ansiada Biblioteca Central de Cambre sexa por fin unha realidade" e sostivo que "é un bo exemplo de colaboración entre administracións, de como hai que construír futuro" . A Biblioteca foi construída coa colaboración económica do Plan Único, un plan provincial que contribúe a reactivar a economía e a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando que sexan os propios concellos os que establezan as súas prioridades e necesidades "neste caso coa construción desta  Biblioteca, unha antiga demanda de Cambre que hoxe se fai realidade", apuntou o presidente, que lembrou que o Plan Único financia este ano a execución de 320 obras nos 93 concellos da provincia.

Pola súa banda, Varela expresou a súa intención de que a nova biblioteca sexa "un centro de aprendizaxe e un aliciente máis para promover a lectura entre a veciñanza". Durante a súa intervención, a responsable de Cultura afirmou que "se algo nos ensinou esta pandemia é que temos que adaptarnos a unha nova normalidade na que poidamos convivir de xeito respectuoso". Precisamente, a concelleira concibe esta dependencia como un "espazo de convivencia entre maiores e pequenos onde poidamos aprender os uns dos outros".

O evento contou, ademais, cunha pequena representación do persoal municipal e da antiga bibliotecaria de Cambre, Ángeles Roca, así como coa presenza do ilustrador Xosé Cobas, que deixou a súa pegada artística nalgunhas das paredes da nova instalación. Así mesmo, un membro da Banda de Música Sementeira encargouse de poñerlle o toque musical ao evento.

A intención do goberno era facer unha inauguración aberta ao público e que contase coa participación da cidadanía. Con todo, a situación sanitaria provocada pola COVID-19 obrigou o Concello a reaxustar o aforo do evento, limitado, unicamente, ás autoridades convidadas.

Os autores da terra, moi presentes

Ademais dos murais restaurados por Xosé Cobas, a nova Biblioteca Central preséntase como unha auténtica reivindicación ao traballo dalgúns autores galegos. Tanto é así, que boa parte das paredes do edificio están decoradas con fragmentos das obras de escritores afamados como Manuel Rivas, Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz.

Cita previa

A nova Biblioteca Central estará aberta ao público desde mañá, mércores 30 de setembro. Con todo, atendendo ao protocolo elaborado polo Concello, os veciños e veciñas terán que solicitar cita previa para acudir á instalación. Para iso, dispoñen do teléfono 981 675 109.

Futuro salón de actos

O Concello conclúe así a primeira parte dun proxecto que continuará coa construción do futuro salón de actos, albergado no mesmo edificio. Ambas as instalacións completarán a Casa da Cultura de Cambre, que conta cun orzamento total de 1.350.360 euros.

Páxinas suxeridas