Estás en:Novas

A Deputación licita por 544.614 euros a segunda fase das obras de ampliación da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado

Darán continuidade ás xa realizadas nos tres primeiros quilómetros da vía, que contará cun ancho de 7,5 metros

A Deputación licita por 544.614 euros  a segunda fase das obras de ampliación  da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación da segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 8001 de Cruces a Penablanca, no termo municipal de Sobrado, cun orzamento de 544.614,44 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas até o 26 de outubro.

As obras darán continuidade ás xa realizadas pola Deputación da Coruña nos primeiros tres quilómetros da vía, que supuxeron un investimento de preto de 200.000 euros para ampliar a plataforma da estrada dende os 4,5 ata os 7,5 metros (8 nalgúns puntos), aproveitando a zona de dominio público existente nas marxes.

Así, a Deputación da Coruña continuará a ampliación da vía noutro tramo de aproximadamente 5 quilómetros da estrada que discorre entre entre os PK 3+200 e o 7+910, igualando o ancho da estrada en todo o seu percorrido.

Mellora da seguridade

A plataforma da vía pasará dos 4-5 metros actuais aos 7-8 metros, mellorando notablemente a seguridade dunha estrada que conecta numerosos núcleos de poboación e dá acceso a explotacións gandeiras.

As obras incluirán a instalación de drenaxe lonxitudinal, a execución de noiros nalgúns tramos puntuais do trazado, a renovación do pavimento e o pintado e renovación da sinalización horizontal e vertical. Teñen un prazo de execución de seis meses.

A Deputación da Coruña está rematando tamén a redacción do proxecto de ampliación da ponte sobre o río Mandeo, no punto quilométrico 3+100 desta mesma estrada, que suporá a eliminación dun "punto negro" onde se estreita a calzada.

O departamento de Vías e Obras da institución provincial pretende ampliar a ponte cunha calzada de 7 metros de ancho, beiravías de medio metro e un paso peonil de 1,80 metros; o que ofrecerá un ancho suficiente para o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade e mellorará a seguridade dos viandantes nunha zona que actualmente carece de paso peonil.

Páxinas suxeridas