Estás en:Novas

A Deputación da Coruña faille fronte á trata e á explotación sexual co programa "Descorre o veo"

Accións formativas con profesionais e unha iniciativa artística de denuncia son algúns dos elementos da campaña que rematará o 18 de outubro, "Día Europeo contra a trata de seres humanos"

A Deputación da Coruña faille fronte á trata e á explotación sexual co programa

 "Descorre o veo da explotación invisibilizada" é o proxecto que está desenvolvendo a área de Igualdade da Deputación da Coruña para a sensibilización e a acción colectiva contra a trata de mulleres, nenas e nenos e a explotación sexual. Profesionais dos Centros de Información das Mulleres participaron das xornadas formativas que constitúen a primeira etapa do programa.

Sensibilizar contra a trata e descubrir a súa existencia é o principal obxectivo do programa "Descorre o veo da explotación invisibilizada" que está a desenvolver a área de Igualdade da Deputación da Coruña, en colaboración con Médicos do Mundo Galicia (MdM). A iniciativa busca facilitar ferramentas para abordar o fenómeno da trata e a explotación sexual ao persoal traballador dos Centros de Información á Muller (CIM) con accións formativas e creativas que rematarán cunha campaña artística de sensibilización que se fará público o vindeiro día 18 de outubro, "Día Europeo contra a trata de seres humanos".

"O que non se ve semella que non existe e esta é unha realidade que non se adapta á situación da trata de mulleres, unha explotación invisíbel coas que as institucións se teñen que comprometer activamente", sinala a deputada de Igualade da Deputación da Coruña, María Muíño. Neste sentido, explica que o programa "Descorre o veo" ten precisamente como obxectivo concienciar da dureza e a actualidade da trata e activar mecanismos para a prevención e para contribuír a súa eliminación.

"Non podemos permitir que estas situacións se continúen producindo e é necesario dar resposta e habilitar todos as fórmulas para que as mulleres -principais vítimas- poidan saír da explotación e se sintan acompañadas. É necesario activar todos os mecanismos para que estas situacións de falta de liberdade, de violencia e de inxustiza desaparezan do noso mundo", apunta Muíño.

Nas primeiras sesións, nas que participan traballadoras dos CIM Da Coruña, Ames, Arteixo, Boiro, Carballo, Culleredo, Ferrol, Laracha, Muros, Negreira, Noia, Santa Comba, Teo e Zas, abórdase a trata desde un enfoque teórico, a situación na Galiza e ferramentas para recoñecer e axudar a mulleres vítimas de explotación sexual. A representantes de MdM na Rede Galega de Loita contra a Trata Sexual, Gemma Blanco, técnica da área de violencia de xénero de Intervención en Médicos do Mundo foi a encargada de impartir as dúas sesións o 19 de setembro e o 1 de outubro.

Na segunda fase do programa, coa mediación de 7H Cooperativa Cultural, as participantes deseñarán unha campaña de sensibilización artística arredor do fenómeno de trata nun traballo que será compartido con mulleres vítimas da trata que validarán o proxecto final. Debido á situación producida pola pandemia, o programa estase a desenvolver en liña e a partir do traballo realizado nas sesións previas e as decisións creativas tomadas, unha equipa materializará o deseño visual do proxecto para o seu lanzamento con motivo do Día Mundial contra a Trata de Seres Humanos, cunha adaptación a un formato de difusión e visibilización artística que non implique a participación presencial o domingo 18 de outubro. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas