Estás en:Novas

Quince asociacións profesionais do sector cultural reciben axuda da Deputación da Coruña

A área de Cultura resolve a primeira convocatoria destinada a fortalecer o sector e paliar os efectos da crise

Quince asociacións profesionais do sector cultural reciben axuda da Deputación da Coruña

Un total de quince asociacións profesionais do sector da cultura son as beneficiarias da primeira edición da nova liña de axudas da Deputación da Coruña. O orzamento que se achega nesta convocatoria é de 187.557, 27 euros.

Entidades profesionais da cultura contan con apoio directo da Deputación da Coruña a través dunha nova convocatoria de axudas en concorrencia competitiva que ten como obxectivo fortalecer o sector profesional da cultura. "Con esta liña de axudas queremos apoiar as programacións das entidades profesionais que, entre outras cousas, para nós son fundamentais á hora de deseñar políticas culturais e defender e promocionar os distintos sectores da cultura", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto dunha convocatoria á que concorreron asociacións de actores e actrices, de escritoras e escritores, de compañías teatrais, ou de produtoras audiovisuais das que participan profesionais e agrupacións dos distintos sectores da cultura.

"Nun contexto tan complexo en que se fan tan necesarias a formulación de alternativas para a promoción e difusión de contidos culturais e para o debate sobre a situación da cultura o papel que desenvolven as entidades profesionais é aínda máis necesario e importante por iso desde a Deputación da Coruña queremos apoiar de maneira decidida o seu traballo", explica Xurxo Couto arredor dunhas entidades que teñen especial relevancia para a profesionalización da cultura.

Son obxecto do programa de subvencións actividades como a convocatoria e desenvolvemento de certames, premios ou concursos. actividades de carácter formativo, elaboración, edición e difusión de contidos culturais de posta en valor do propio sector: libros; revistas, discos, filmes, exposicións...; traballos e actividades culturais de investigación, formación, análise ou debate ou actividades de posta en valor e difusión do patrimonio cultural material e inmaterial e de dinamización.

Na resolución que se publica este xoves día 1 de outubro no BOP figuran as quince entidades beneficiarias da convocatoria entre as que están a de actores e actrices, a de persoal de bibliotecas e arquivos, empresas de artes escénicas, coordinadora de festivais de cinema, academia do audiovisual, de literatura infantil, de antropoloxía, editoras, librarías, escritores e escritoras ou a propia asociación de profesionais da xestión cultural. Xornadas, premios e distintos programas de actividades son algúns dos conceptos polos que se solicitaron axudas. 

Páxinas suxeridas