Estás en:Novas

A Deputación asina un convenio co Concello de Culleredo para o mantemento da vivenda tutelada para vítimas da violencia de xénero

O ente provincial destina 35.719,10 euros máis para financiar os gastos de mantemento deste servizo, que serve de ponte ata a normalización da situación persoal e familiar das usuarias.

O convenio foi asinado polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde do municipio, José Ramón Rioboo, e a deputada de Igualdade, María Muíño.

A Deputación tamén apoia economicamente ás casas de acollida de Ferrol e A Coruña.

A Deputación asina un convenio co Concello de Culleredo para o mantemento da vivenda tutelada para vítimas da violencia de xénero

A Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar o mantemento xeral da vivenda tutelada, un recurso municipal dirixido ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

No acto de firma do convenio participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde do Concello de Culleredo, José Ramón Rioboo, e a deputada provincial de Igualdade, María Muíño.

A vivenda tutelada é un fogar alternativo que dá acollida preferentemente a mulleres de toda a provincia procedentes de casas de acollida e das persoas que dela dependan, e que serve de ponte ata unha normalización da súa situación persoal e familiar, tendo un tempo de permanencia máximo de un ano.

A través deste convenio a Deputación inviste un total de 35.719,10 euros para financiar os gastos de mantemento deste servizo, que supoñen un 36,99% do orzamento total que se destina a este fin e que ascende a 96.539,36 euros. Entre estes gastos que se financiarán inclúense os de persoal, o alugueiro da vivenda, mantemento da maquinaria, subministracións, comunicacións, transporte, gastos diversos, axudas de custe...

A vivenda tutelada do Concello de Culleredo forma parte do programa da Rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación da Coruña, no que se atopan as casas de acollida do Concello de Ferrol e do Concello da Coruña.

Páxinas suxeridas