Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o Festival Galicreques no seu 25º aniversario

O deputado Xurxo Couto destacou na presentación o apoio a corenta festivais que optaron por facerlle fronte á pandemia.

A Deputación da Coruña apoia o Festival Galicreques no seu 25º aniversario

O Festival Internacional Galicreques celebrará neste 2020 o seu vixésimo quinto aniversario cunha edición especial marcada polas circunstancias sanitarias, pero cun marcado compromiso, tanto co público como co sector cultural. O responsábel da área de Cultura, Xurxo Couto, destacou a vitalidade dos corenta festivais apoiados pola Deputación da Coruña e o esforzo por se adaptar ás novas circunstancias nunha aposta pola cultura segura que non contaxia.

O Festival Galicreques ofrecerá ao longo de nove intensas xornadas máis de 40 funcións cun programa que contará con máis de vinte compañías, procedentes maioritariamente de Galicia, pero cunha importante presenza de formacións chegadas de Valencia, Andalucía, Euskadi, Salamanca ou Aragón. Ademais, o carácter internacional estará garantido pola participación de compañías e artistas procedentes de Brasil, México, Portugal ou Arxentina. Así o explicaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, Jorge Rey.

"Galicreques é un dos corenta festivais que apoiamos este ano tan particular. Son menos que anos anteriores por causa da pandemia mais, mesmo así, a Deputación fai unha achega de case setecentos mil euros para festivais organizados por entidades ou por concellos en toda a provincia porque consideramos que, con estes orzamentos, estamos a apoiar non só a realización dos propios eventos senón tamén a difusión da nosa cultura e a creación de novos públicos, ademais da promoción turística e económica dos distintos concellos da Coruña", explicou Xurxo Couto.

A programación arrincará este sábado, 10 outubro, con seis actuacións repartidas en diferentes espazos. Así, a primeira sesión será unha ruada que partirá ás 13h da Praza do Toural e que correrá a cargo da compañía galega Fantoches Baj. Unha hora máis tarde, ás 14h, a formación galaico-francesa Moving Compass representará en Praterías o espectáculo Os limpabotas. Nese mesmo espazo, ás 17h, a quenda será para a arxentina Sofía Ferrari e o seu Crucu Show, que tamén contará cun pase ás 13h pola xa tradicional carpa da Alameda. Outro parque, o Parque de Vista Alegre, converterase dende o primeiro día noutra das sedes ao aire libre deste festival. Alí, nos exteriores do edificio SGAE; ás 18h actuará de novo Moving Compass. Así comezará un festival que, durante nove días, encherá de monicreques -ademais dos espazos xa sinalados- o Teatro Principal e os centros socioculturais de Santa Marta, Vite, Conxo, Fontiñas ou do Castiñeiriño.

Nove días en que varios espectáculos contarán con diversos pases ao longo do festival nos distintos espazos para garantir a descentralización e a dispersión do público, adaptándose así ao contexto sanitario e cumprindo con todos os protocolos de seguridade.

Catro estreas e programación para escolas

O Teatro Principal acollerá ao longo da semana catro estreas, unha delas dun espectáculo que coproduce o Festival. Deste xeito, a primeira obra nova que poderá coñecer o público será Miragres, un traballo conxunto das formacións Spaguetti, Micromina e os músicos Uxía Muíño e Bernardo Martínez. A estrea será o xoves 15 de outubro ás 20h. Ao día seguinte, á mesma hora, a compañía portuguesa Krisálida presentara Plastikus. O sábado poderemos ver a obra do mexicano Víctor Biau El hombre que plantaba árboles, obra coproducida por Galicreques.Por último, o domingo chegará a quenda de Moving Compass, que presentará por vez primeira tamén ás 20h a peza Gaia Baba.

Neste 2020, un dos piares fundamentais do Festival Galicreques ficará en suspenso por mor da situación sanitaria e adaptarase ás presentes circunstancias: a programación de funcións escolares. Cada ano, milleiros de alumnos e alumnas acudían ás múltiples representacións que se ofrecían para escolas e institutos. Deste xeito, cumpríanse dous obxectivos fundamentais de Galicreques: o seu compromiso coa infancia e a creación de novos públicos.

Neste 25 aniversario, o festival non renunciará a estas metas e quere manter o vínculo coa ampla comunidade educativa, polo que porá en disposición do centros un programa escolar en liña e totalmente gratuíto. Cada día da semana lectiva, é dicir do 12 ao 16 de outubro, ás 12.00 h. ofreceranse por unha canle do Galicreques espectáculos de diferentes duracións de compañías de Ecuador, Arxentina, Uruguai, Venezuela e Galicia. Os centros interesados en acceder a estes espectáculos poderán solicitalo ao enviar un correo a galicreques@titerescachirulo.gal e culturalbarrigaverde@gmail.com.

Páxinas suxeridas