Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 223.482 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Andrade (Pontedeume)

Os traballos inclúen a construción dunha senda peonil, a ampliación da estrada, a creación dunha zona de aparcamento e a mellora do alumeado.

As obras permitirán mellorar a seguridade peonil na contorna do colexio público de Andrade

A Deputación adxudica por 223.482 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Andrade (Pontedeume)

A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP-0906 ao seu paso polo núcleo do Grove, no Concello de Pontedeume. Esta actuación, que conta cun orzamento de 223.482,15 euros, permitirá ampliar a estrada, construír unha senda peonil, crear unha zona de aparcamento e mellorar os equipamentos da zona.

Actualmente este tramo da vía conta cunha plataforma dun ancho de 5 metros e carece de beirarrúas. O obxectivo da obra é conseguir unha sección de 9 metros, cunha vía de 7 metros e construíndo unha senda peonil de 2 metros na súa marxe esquerda. Ademais, remodelarase a zona de aparcamento fronte ao colexio público de Andrade e realizarase unha urbanización xeral, mellorando equipamentos como a iluminación e a rede de pluviais en todo o tramo. A actuación abarca desde a zona do Cruceiro (onde a estrada provincial conecta coa AC-151) ata o núcleo do Grove.

O portavoz do Goberno provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, destacou a importancia desta actuación xa que "esta é unha zona cun importante movemento de vehículos xa que, ademais das vivendas, alí está o colexio público de Andrade polo que era necesario dotar á zona dunha plataforma peonil segura e aumentar a capacidade da estrada para evitar colapsos".

"A obra cumpre unha antiga demanda da veciñanza e da comunidade educativa do colexio de Andrade", afirmou Fernández. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses a partir do seu inicio, polo que se prevé que estean rematadas a vindeira primavera.

Páxinas suxeridas