Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre unha convocatoria para financiar a presenza de 35 empresas na Culturgal

Colabora co sector contratando as casetas para participar na Feira da Cultura

No sexto ano de participación no evento, a área de Cultura dá un paso e anima á participación das industrias subvencionando a totalidade do alugueiro dos espazos

A Deputación da Coruña abre unha convocatoria para financiar a presenza de 35 empresas na Culturgal

A área de Cultura da Deputación da Coruña abrirá unha convocatoria para subvencionar a participación de 35 empresas da Coruña na Culturgal que se desenvolverá este anos do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou que esta iniciativa quere "animar as empresas a participar na feira poñendo a súa disposición o espazo que custeará a Deputación da Coruña para intentar paliar os efectos da actual crise".

Trinta e cinco empresas do sector cultural participarán na Culturgal grazas ao apoio da Deputación da Coruña que contratará directamente os espazos expositivos para poñer á disposición de librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro ou discográficas, entre outras. A Feira, cita anual do sector cultural galego, abrirá ao público xeral o sábado 28 e o domingo 29 de novembro reservando o venres 27 para o público profesional.

Esta nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña ten como obxectivo "contribuír a que, neste momento de crise, as empresas do sector poidan participar no Culturgal que é xa unha cita de referencia no calendario anual do sector e, de maneira especial, unha oportunidade de facer negocio e promocionar os seus produtos culturais", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Será esta a sexta edición en que a Deputación da Coruña teña espazo expositivo propio e participe da programación da Feira mais, desta volta, dá un paso máis levando canda ela trinta e cinco empresas con sede na provincia que terán ao seu dispor unha caseta na feira subvencionada pola propia institución.

Neste sentido, en breve se fará pública a convocatoria para a selección de expositores que se poden acoller ao financiamento do posto para o que se valorará a traxectoria da empresa, o número de persoas traballadoras contratadas, os proxectos innovadores e os premios e recoñecementos acadados pola empresa no seu ámbito de actividade.

"Debido á extraordinaria situación provocada pola pandemia consideramos que esta é unha maneira de colaborar co sector cultural para apoiar a súa promoción no que, sen dúbida é o gran escaparate da cultura galega e o proxecto en que se dan cita tanto as empresas como os axentes culturais e mesmo as persoas que mercan e difunden cultura", explica o deputado Xurxo Couto, do interese en, este ano de maneira especial, promover o Culturgal como un evento necesario para animar un sector especialmente afectado pola crise da Covid-19.

Páxinas suxeridas