Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o proxecto "Non hai espellos nos manicomios" para eliminar estigmas das enfermidades mentais

Audiovisual, poesía e música compoñen a iniciativa que ve a luz na conmemoración do Día da Saúde Mental o 10 de outubro.

Aser Álvarez dirixe o proxecto protagonizado polo xornalista e escritor Antonio Tizón que foi financiado a través da liña de proxectos singulares da área de Cultura da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña apoia o proxecto

"Non hai espellos no manicomio", é un proxecto multimedia sobre saúde mental que relata a historia dunha superación, a do xornalista e escritor Antonio Tizón. Audiovisual, música, poesía e fotografía forman parte desta iniciativa, dirixida por Aser Álvarez, que busca contribuír a eliminar o estigma das enfermidades mentais e que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

O responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, xunto co protagonista António Tizón e o director Aser Álvarez, participaron na presentación na Deputación da Coruña do proxecto "Non hai espellos no manicomio", a historia da superación do escritor e xornalista relatada con imaxes, música e poesía e que se fai pública arredor da conmemoración o vindeiro 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental.

"Cando desde a Deputación da Coruña botamos a andar a convocatoria de proxectos singulares, na nosa vontade estaba apoiar iniciativas que nacen dentro do ámbito cultural e que teñen especial repercusión na nosa sociedade e, certamente, non se nos ocorre maior singularidade e interese que este que hoxe presentamos que é unha ferramenta indiscutíbel para loitar contra os estigmas da enfermidade mental", sinalou na presentación o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

"Tampouco se nos ocorre mellor maneira de conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental que presentando este proxecto que ten como un dos obxectivos visibilizar e reflexionar sobre as enfermidades mentais, a necesidade de recursos apropiados, a integración social das persoas que a padecen e a posibilidade de curación, fronte aos estigmas que todo o mundo coñece", explicou Xurxo Couto que parabenizou a Aser Álvarez polo proxecto e a Antonio Tizón pola "xenerosidade" de facernos partícipes da súa historia de superación.

Aproveitou Xurxo Couto a súa intervención para reivindicar a integración, eliminar os prexuízos e demandar máis recursos da sanidade pública para atender ás persoas que tanto o necesitan e que son máis nas circunstancias que estamos a vivir".

O protagonista, Antonio Tizón, explicou que o proxecto forma parte doutro máis ambicioso composto de cinco novelas das que tres están xa publicadas, mais agora preséntase en formato transmedia no que se seguirán incorporando distintos materiais. "A enfermidade mental non ten cura pero ten tratamentos eficaces e a min interésame destacar a esperanza, a posibilidade de recuperación, que por moi mal que se atope un pode superar a situación, esa é a miña mensaxe fundamental", explicou na súa intervención o escritor e xornalista que conta como supera na súa vida o trastorno bipolar. A arte para entender as enfermidades mentais.

Trátase, en definitiva, dunha "visión autobiográfica da loucura no que a decisión máis difícil foi contar a propia experiencia", dixo Antonio Tizón que quere desta maneira "romper a vergonza que a moita xente lle produce a enfermidade mental e contar todo con pelos e sinais, espirme ante os demais porque a literatura, a arte, pode facer reflexionar e ser útil para a xente". Sabe Antonio Tizón que arredor das enfermidades mentais pesa o gran descoñecemento que provoca prexuízos e tamén unha visión romántica que tampouco comparte e, coa súa obra quere que "o trastorno bipolar se entenda e cunha obra literaria pode explicarse mellor que cun manual de psiquiatría".

Pola súa parte, o director do proxecto, Aser Álvarez, agradeceu a xenerosidade de Antonio Tizón por terlle ofrecido a idea de contar a súa historia que, ao seu ver, é un "canto á esperanza e unha historia de superación" no que definiu como un "traballo artístico e pioneiro porque hai moi poucos proxectos realizados sobre saúde mental". Con "Non hai espellos no manicomio" quere "sensibilizar e normalizar unha problemática cada vez máis presente mais non por iso menos ligada a prexuízos e tabús".

Para o director "o máis sorprendente é que nun audiovisual unha persoa se abra en canal cunha honestidade brutal como o fai Tizón e conte a súa historia en primeira persoa, sen eufemismos mais non como unha historia triste senón de superación", o que fai que o proxecto sexa "importante para outras persoas que están nesta situación e tamén para que a sociedade se conciencia á hora de debullar prexuízos e ideas preconcibidas de saúde mental".

O proxecto multimedia sobre saúde mental de Arraianos Producións está financiado a través da convocatoria de subvencións de proxectos singulares da Deputación da Coruña, e foi deseñado e realizado cunha dobre finalidade: cultural e artística, pois é un traballo creativo onde se mesturan poesía, vídeo, documental, música, pintura e fotografía, e unha dimensión social vinculada co ámbito da integración social da enfermidade mental e o proceso de superación, pois o protagonista, Antonio Tizón, padece un trastorno bipolar, unha enfermidade mental coa que convive dende hai décadas, nunha historia que conta en primeira persoa e que destrúe moitos prexuízos arredor da saúde mental.

Un libro cun documental autobiográfico de 18 minutos compoñen o proxecto que relata en primeira persoa a historia de superación de Antonio Tizón e que conta, ademais de co equipo dirixido por Aser Álvarez, coa banda sonora de Miro Casavella, a colaboración do poeta Baldo Ramos e a fotógrafa Mari Quinteiro. 

Páxinas suxeridas