Estás en:Novas

A Deputación colaborará co Concello de Ferrol con medio millón de euros para a primeira fase das obras de reforma do estadio da Malata

Valentín González Formoso realizou hoxe unha visita ao Concello de Ferrol na que estivo acompañado do alcalde ferrolán, Ángel Mato, e durante a que ademais do estadio da Malata visitou as instalacións da comunidade terapéutica O Confurco-ASFEDRO

A Deputación colaborará tamén na "mellora estrutural" do centro terapéutico do Confurco, ao que se dotará de nova cuberta, saneamento e melloras de eficiencia enerxética

González Formoso destacou o compromiso da Deputación para colaborar con Ferrol no financiamento das obras da Malata "para equilibrar o estadio con outras instalacións similares en Galicia" e subliñou "o gran labor social" que desenvolve ASFEDRO na comarca

A Deputación colaborará co Concello de Ferrol con medio millón de euros para a primeira fase das obras de reforma do estadio da Malata

A Deputación da Coruña aprobará no pleno do mes de outubro, dentro dun expediente de modificación de créditos, unha achega económica extraordinaria de medio millón de euros para colaborar co Concello de Ferrol no financiamento da primeira fase do proxecto de reforma do Estadio Municipal da Malata.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou este anuncio durante a visita institucional que realizou hoxe ao Concello de Ferrol, na que estivo acompañado do alcalde da localidade, Ángel Mato, a deputada provincial Ana Lamas e os concelleiros Julián Reina e Eva Martínez.

Unha das paradas desta visita foi no estadio da Malata, onde mantiveron unha reunión co presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado, e o xerente e director deportivo do club, Carlos Mouriz. No encontro estudáronse os detalles do proxecto, que implicará unha remodelación integral centrada na mellora estética e de seguridade de todo o recinto deportivo e que se executará en varias fases.

González Formoso destacou o "fantástico traballo que está a facer o club" e anunciou que "agora imos pasar aos feitos e acoutar cales son as fases e os orzamentos necesarios "para equilibrar o estadio da Malata con outras instalacións similares en Galicia".

O presidente apuntou que ademais deste primeiro investimento que se aprobará no pleno de outubro, a Deputación aprobará en vindeiros exercicios unha cantidade similar para "seguir contribuíndo ao financiamento das melloras necesarias na seguridade e na imaxe do estadio", que incluirán actuacións na estrutura metálica que soporta a cuberta, afectadas pola corrosión, nas propias chapas da cuberta, nos elementos prefabricados do cerramento da fachada e peches metálicos exteriores, así como nas filtracións e humidades que afectan a determinadas áreas interiores desta instalación deportiva.

O alcalde Ángel Mato agradeceu "a presenza do presidente da Deputación e a súa colaboración, xa que estamos a buscar diferentes vías de financiamento para facer unha obra importante para a cidade que, debido ao seu calado, terá que executarse en diferentes fases".

Por último, José María Criado expresou que "es un momento importante, veo una sintonía perfecta entre el presidente de la Deputación y el Concello. Esto va a redundar en beneficio de todos, sobre todo para los aficionados del fútbol y del Rácing de Ferrol", apuntou.

Renovación da cuberta da comunidade terapéutica de O Confurco

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Ferrol visitaron tamén a comunidade terapéutica O Confurco-ASFEDRO. Acompañados da presidenta e o secretario da entidade, Rosario Alabau e Francisco Varela, coñeceron as instalación e os diferentes programas e servizos que ofrecen para tratar e rehabilitar as persoas con problemas de drogodependencias e que contan co apoio económico da Deputación a través das liñas de subvencións de Servizos Sociais.

Os responsables da entidade destacaron a longa traxectoria de colaboración entre a Deputación e ASFEDRO, que permitiu ao longo dos anos adquirir a práctica totalidade do equipamento actual do centro (cociñas, mobles, etc.) e adecuar o inmoble ás necesidades dos usuarios e usuarias. Así mesmo trasladaron a necesidade de substituír o tellado, que despois de case tres décadas precisa de continuas reparacións para evitar filtracións de auga e humidades, e dotar o centro de saneamento.

González Formoso anunciou que a Deputación destinará 60.000 euros para executar esta importante obra de substitución da cuberta, atendendo así a petición do alcalde de Ferrol e da propia entidade. "Vimos de ver que é unha obra urxente e necesaria para permitir que o gran labor social que desenvolve este centro en toda a comarca siga efectuándose" afirmou o presidente, que comprometeu o apoio económico da Deputación para efectuar as obras o vindeiro ano. A Deputación estudará tamén a súa colaboración para as obras de dotación de saneamento e para introducir melloras de eficiencia enerxética a través da Axencia Enerxética Provincial que, "suporán unha importante mellora estrutural do edificio e da calidade de vida dos usuarios", afirmou.

Os responsables de ASFEDRO explicaron que a entidade fundouse por iniciativa social no ano 1985 co obxectivo de dar unha resposta integral e profesional aos problemas de drogodependencias, impulsar a integración social destas persoas e sensibilizar á sociedade sobre a importancia da prevención.

Ademais da comunidade terapéutica do Confurco, situada na parroquia de Doniños, onde se realizan tratamentos de deshabituación e rehabilitación en réxime residencial que inclúen atención médica e psicoterapéutica, ASFEDRO conta tamén cun Centro de Día, onde se desenvolven actividades encamiñadas a favorecer a integración social e laboral das persoas en colaboración con entidades externas coma o Centro de Formación Ocupacional e Profesional de Ferrol, escolas-obradoiro ou empresas locais.

Cursos de informática, xardinería ou repostería, actividades deportivas, obradoiros de estudo e formación, programas de prevención de recaídas...son algunhas das actividades que mantén ASFEDRO ao longo do ano.

Para rematar a visita institucional, visitaron tamén o centro de día de menores de Ferrol, dependente da Deputación.

Páxinas suxeridas