Estás en:Novas

A Deputación corta ao tráfico o tramo da estrada DP 7804 Val do Dubra-Santiago onde se construirá a nova ponte sobre o rego Gatofero

O corte de tráfico terá lugar do 13 de outubro ao 15 de marzo para demoler a ponte actual e instalar un novo viaduto de 12 metros de ancho

Habilitaranse desvíos provisionais

A Deputación corta ao tráfico o tramo da estrada DP 7804 Val do Dubra-Santiago onde se construirá a nova ponte sobre o rego Gatofero

O servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña comunica o corte temporal do tráfico, entre o próximo martes, 13 de outubro, e o 15 de marzo de 2021 do tramo da DP 7804 Santiago-Val do Dubra que discorre entre os puntos quilométricos 189+900 e 20+400 para a construción da nova ponte sobre o rego Gatofero.

Durante este tempo habilitaranse desvíos provisionais, que estarán sinalizados. As obras consistirán na demolición completa da ponte actual, con só 6 metros de ancho que resultan insuficientes para a nova sección da vía, e a construción dun novo viaduto de 12 metros de ancho, dos que 9 serán de calzada e 3 de beirarrúas, que se situarán en ambas as dúas marxes, o que contribuirá a mellorar a seguridade peonil na zona.

A nova estrutura consistirá nunha ponte de 25 metros de lonxitude total con catro vigas dobre T dispostas sobre un único vano. Sobre elas executarase unha lousa de formigón armado executada in situ de 25 cm de espesor.

O investimento da obra é de 325.728,41 euros.

Páxinas suxeridas