Estás en:Novas

Begoña García Alén e Andrés Magán gañan o XV Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña

Naceron en 1989, estudaron Belas Artes en Pontevedra e comezaron a publicar en 2014

Begoña García Alén e Andrés Magán gañan o XV Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña

A obra Adeus amigos de Begoña García-Alén González e As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán Zamorano son as gañadoras da XV Premio Castelao de Banda Deseñada nas modalidades xeral e infantil e xuvenil. O xurado destaca a calidade das propostas tanto na súa aposta gráfica innovadora como na historia dos seus proxectos.

Naceron en 1989, estudaron Belas Artes na Universidade de Vigo e comezaron a publicar banda deseñada en 2014. A XV edición do Premio Castelao de Banda Deseñada recoñece as obras de dous autores traxectorias similares, da mesma xeración de nomes da banda deseñada e con varios títulos xa publicados.

Begoña García Alén (Pontevedra, 1989) e Andrés Magán (Vigo, 1989) pasan a formar parte da listaxe de honrar do Premio Castelao da Deputación da Coruña. Un xurado composto pola editora de cómic de El Patito Editorial, Gemma Sesar, o responsábel de Komic Libraría, José "Pío" Barreiro, primeira libraría especializada en bd de Galiza fundada en 1987, a debuxante e ilustradora Bea Lema -gañadora do premio en 2017- e os gañadores do Premio Castelao de BD da edición do pasado ano, Martín Romero e Alberto Vázquez, co responsábel da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto como secretario e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria escolleron as obras de Begoña García Alén e Andrés Magán entre as 42 presentadas ao certame de banda deseñada da Deputación da Coruña, catro veces máis que a edición anterior. O premio consiste en 6.500 € en cada modalidade máis a publicación da obra.

O xurado destacou da obra Adeus amigos de Begoña García Alén a súa "aposta gráfica experimental vencellando a trama coa obra do artista Bas Jan Ader e pola mestura da historia gráfica dun artista coa historia dun neno dunha forma máxica. Gráfica sintética e minimalista". En canto a As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán, o fallo do certame fai fincapé en que se trata dunha "historia divertida, surrealista e máxica que ten un bo debuxo e que está protagonizada por animais antropomorfos que lembran os clásicos do cómic pero actualizados a nivel narrativo e gráfico".

Adeus Amigos de Begoña García-Alén e As aventura de Passer P. Malta, de Andrés Magán fanse co premio da Deputación da Coruña nunha edición que cuadriplicou o número de orixinais presentados en relación ao ano anterior e na que, por vez primeira, as bases recollían a posibilidade de presentar o proxecto e non a obra totalmente rematada.

Begoña García Alén (Pontevedra, 1989) é grao en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo e MA in European Art Practique. Desde o ano 2014 publicou Perlas del Infierno (Fosfatina, 2014), Lujo Infinito (Noche Líquida, 2014), La Cueva (Fosfatina, 2015), S/T (tres historias) (Noche Líquida, 2015), El Espectador (Tik Took Cómics, 2015-2018), Nuevas Estructuras, (Apa-Apa Cómimcs, 2017), Unha Gran Dama Impasible, (Noche Líquida, 2018), Nueva Mística de Vigo, (Noche Líquida, 2018), Una puerta muy pequeña en una habitación, (Noche Líquida, 2018).

Andrés Magán (Vigo, 1989) estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e é Máster en Arte Contemporánea e Communication Design. Ilustrador e deseñador desde o ano 2012 até a actualidade, realizando traballos para diversas publicacións, institucións, marcas e selos musicais. Como autor de banda deseñada, desde o ano 2014 ata a actualidade ten publicado Griza Zono (Fosfatina, 2014), Optimización del Proceso (Ediciones Valientes, 2015), Cuento del Niño Bueno/Cuento del niño malo (Linterna Mágica, 2015), Los dos Amigos, (Fosfatina, 2016), Fragmentos Seleccionados (Apa-Apa, 2017), A Friend, (Kus! Comics, 2017), Is your Jurney Really Necessary? (Colorama, 2018). 

Páxinas suxeridas