Estás en:Novas

A Cátedra de Dereito Local programa novos cursos dentro da súa acción formativa e investigadora

A Cátedra, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa UDC, ten como obxectivo impulsar a formación e a investigación en cuestións xurídicas de relevancia que afecten a concellos da provincia

Os efectos da pandemia na xestión local e a sustentabilidade dos modelos residenciais de atención á terceira idade serán algúns dos temas abordados este ano

A sede da Deputación acolleu hoxe a reunión da Comisión de Seguimento, onde se presentaron as accións que se han realizar durante este ano

A Cátedra de Dereito Local programa novos cursos dentro da súa acción formativa e investigadora

A Cátedra de Dereito Local, constituída pola Deputación e a Universidade da Coruña para o estudo de cuestións relativas a aspectos xurídicos que afectan á administración municipal, organizará durante 2020 diversas accións formativas e debate en relación a temas de actualidade que afectan directamente ás administracións locais, entre elas as propiciadas polos efectos de pandemia. En función da evolución da situación sanitaria, os cursos desenvolveranse de forma telemática ou presencial, garantindo sempre as medidas de seguridade,

A sede da Deputación acolleu esta mañá a reunión da Comisión de Seguimento da Cátedra, da que forman parte o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o xefe do servizo de Patrimonio e Contratación, Luís Jaime Rodríguez e os catedráticos de Dereito Administrativo da UDC, Francisco Javier Sanz Larruga e Carlos Amoedo Souto.

Entre as accións que a Cátedra de Dereito Local formula para este ano figuran os cursos de formación "Fiscalización de expedientes na administración local tras as reformas sectoriais derivadas da loita contra a pandemia", "Estado actual das afeccións sectoriais do Dereito autonómico no Dereito local", "Sustentabilidade dos modelos residenciais de atención á terceira idade" e "Bancos de terras e sustentabilidade agraria".

A Cátedra de Dereito Local da UDC, financiada ao 100% pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo impulsar a formación e a investigación en cuestións xurídicas de relevancia que afecten os concellos da provincia.