Estás en:Novas

A Deputación financia a construción dunha cuberta con iluminación solar fotovoltaica para o parque infantil da Praza de Galicia, en Boiro

A actuación, financiada co Plan Único, supón un investimento de 247.740,25 euros

Este ano, o Plan Único financiará a renovación ou creación de 13 parques infantís noutros tantos concellos da provincia cun investimento total de 951.252 euros

A Deputación financia a construción dunha cuberta con iluminación solar fotovoltaica para o parque infantil da Praza de Galicia, en Boiro

A Deputación da Coruña financiará a través do Plan Único (POS+2019) as obras de construción dunha cuberta con iluminación solar fotovoltaica para o parque infantil situado na Praza de Galicia, no núcleo urbano do Concello de Boiro.

A actuación, valorada en 247.740,25 euros e financiada ao 100% polo organismo provincial, permitirá crear unha cuberta tipo pérgola duns 22x32 metros para que funcione como abrigo, tanto do parque infantil existente como do espazo contiguo destinado a parada do transporte público.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apuntou que o proxecto "é un bo exemplo de como o Plan Único axuda a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando ademais que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas necesidades"

"Con esta actuación damos resposta a unha importante demanda da poboación, para cubrir o parque infantil e que os cativos teñan onde xogar en inverno, así como cubrir a parada de autobús e o acceso ao aparcamento público, evitando así unhas filtracións de auga existentes nesa zona", afirma o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz.

A estrutura estará formada por pórticos de madeira laminada e o peche da cuberta realizarase a base de láminas de policabornato celular de 16 mm e protección aos raios UV para garantir o control da calor e da radiación solar emitida no interior do espazo cuberto. Tamén se instalará iluminación mediante tiras de LED integradas nun perfil de aluminio e, en zonas accesibles, colocaranse cargadores USB de intemperie con resistencia ao po e á humidade. Este sistema de alumeado e cargadores USB será alimentado por un sistema de paneis solares fotovoltaicos.

O Concello de Boiro ten aberto o proceso de licitación e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 27 de outubro.

O Plan Único da Deputación da Coruña financiará no ano 2020 a renovación ou creación de 13 parques infantís noutros tantos concellos da provincia, sumando un investimento total de 951.252 euros.

Páxinas suxeridas