Estás en:Novas

A Deputación constrúe en Negreira máis de 5 quilómetros de sendas para mellorar a seguridade peonil no Camiño de Fisterra

González Formoso e Manuel Ángel Leis supervisaron as obras das beirarrúas da estrada DP5603 de Negreira a Marco do Cornado
O último tramo das obras, no núcleo de Vilaserío, xa está completado
cun investimento de máis de 800.000 euros, as obras de mellora da seguridade peonil en Negreira completan as realizadas noutros tramos do Camiño ao seu paso por Dumbría, Muxía e Santa Comba
González Formoso anuncia que o pleno de outubro aprobará a dotación económica para a segunda fase das obras de ampliación da DP 5602 Negreira-Pontenafonso, cun investimento de 1,4 millóns

A Deputación constrúe en Negreira máis de 5 quilómetros de sendas para mellorar a seguridade peonil no Camiño de Fisterra

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañados dos deputados José Manuel Pequeño e Blas García e de técnicos do servizo de Vías e Obras visitaron hoxe o máis importante dos proxectos que a institución provincial está a acometer para mellorar a seguridade peonil das estradas provinciais que discorren no Camiño a Fisterra.
En Negreira, a Deputación está executando un importante proxecto, cun investimento superior aos 800.000 euros, para a construción de catro novos tramos de sendas ao longo da estrada DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado. En total, estanse construíndo 5,1 quilómetros de sendas en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.
"Estas sendas de Negreira completan as obras de mellora da seguridade xa realizadas noutros tramos do Camiño a Fisterra ao seu paso por Dumbría, Muxía e Santa Comba, e teñen como obxectivo mellorar a seguridade dos veciños e dos miles de peregrinos que cada ano fan esta ruta xacobea, permitíndolles facelo en condicións de seguridade, xa que ata agora tiñan que transitar polas marxes dunha calzada con moito tráfico e múltiples curvas", afirmou o presidente da Deputación, que explicou que as sendas realizaranse en lastre artificial estabilizada con cemento, "o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias".

González Formoso tamén destacou que "para nós Negreira é unha vila de referencia no interior da provincia porque segue o modelo de futuro que queremos implantar para loitar contra o despoboamento xa que aquí faise unha aposta decidida polo turismo, e polo camiño concretamente, pero por outro lado non renuncian á industria nin á súa tradición agraria".
Pola súa banda, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, agradeceu a visita do presidente para interesarse pola evolución do proxecto destacou a importancia dun investimento "fundamental para garantir a seguridade e que vimos demandando hai tempo desde o Concello de Negreira".
As obras divídense en catro tramos, o último dos cales, 1,8 quilómetros que discorren polo núcleo de Vilaserío xa está rematado. Nos tres tramos restantes están comezando as actuacións á espera das autorizacións necesarias por parte de Augas de Galicia e do traslado dos postes dos servizos afectados (telecomunicacións e electricidade).

Estrada Negreira-Pontenafonso

Por outra banda, González Formoso anunciou durante a visita de hoxe que a Deputación aprobará no pleno do 30 de outubro, dentro dun expediente de modificación de créditos, a dotación económica para a segunda fase das obras de ampliación da DP 5602 Negreira-Pontenafonso, que contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros investidos nas expropiacións de terreos, xa realizadas.
Unha vez aprobada a consignación económica, a Deputación procedería a dar luz verde definitiva ás obras no mes de novembro,
O presidente da Deputación incidiu na importancia desta actuación xa que "é unha demanda histórica nunha vía que vertebra o interior do municipio" e agradeceu "aos veciños e veciñas da zona a súa colaboración".
As obras suporán a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando a vía dunha calzada de 7 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.
O obxectivo desta segunda fase é facer a vía máis segura para os numerosos vehículos que circulan cada día por ela e adaptar o ancho da plataforma ao xa executado nos primeiros seis quilómetros.

Páxinas suxeridas