Estás en:Novas

A compañía teatral A Panadaría gaña o premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

O xurado destaca a súa proposta feminista, arriscada e innovadora para conceder o premio que recoñece a acción cultural pola igualdade 

A compañía teatral A Panadaría gaña o premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

A compañía teatral A Panadaría é a gañadora do IV Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña. O xurado optou pola compañía que levou á escena a historia de Marcela e Elisa polo seu compromiso feminista e a súa proposta arriscada e innovadora.

Fundada en 2013 por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, a compañía teatral A Panadaría é a gañadora da IV edición do Premio Begoña Caamaño segundo se fixo público esta mañá despois da reunión do xurado na Deputación da Coruña. O premio, que chega a súa cuarta edición, está dotado con 6.500 €.

Un xurado composto por Lucía Canoura, en representación do Observatorio da Mariña pola Igualdade, gañador da pasada edición do premio, a profesora especialista en Igualdade de Xénero, Carme Moure, a actriz e escritora Iria Piñeiro, a escritora e experta en xénero e desenvolvemento, María Reimóndez e a xestora cultural feminista, Clara R. Cordeiro, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optaron para conceder o premio pola compañía que levou á escena, entre outros proxectos, a historia do matrimonio de Elisa e Marcela.

O xurado destaca o seu "carácter intrinsecamente feminista desde a súa configuración empresarial até as súas prácticas laborais e estéticas, pasando polo seu traballo de creación de redes con diversos colectivos, nun contexto de estruturas fondamente patriarcais". Defende tamén que a da compañía gañadora é unha "proposta arriscada e innovadora que explora o efecto multiplicador do teatro e a capacidade que este ten para a transformación social".

"A Panadaría leva a súa creación por diferentes espazos, non sempre amábeis, e amosa unha estética fondamente feminista de traballo corporal comprometida coa diversidade sexual e cun aproveitamento extremo de escasos recursos", sinalou o fallo do xurado que tamén salienta a conexión entre o proxecto da compañía e o espírito do premio e da obra de Begoña Caamaño. Nas anteriores edicións do premio, as gañadoras foron o Observatorio da Mariña pola Igualdade na terceira edición do premio; Elas tamén Pintan e Implicadas no desenvolvemento na segunda e a Libraría de Mulleres Lila de Lilith na primeira.

O premio naceu na Deputación da Coruña no ano 2017 en memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista Begoña Caamaño coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura.

Autopresentación de A Panadaría

A Panadaría somos Areta, Noelia e Ailén. Fundamos a compañía no ano 2013 co espectáculo PAN!PAN! co que gañamos o Premio da Crítica Galicia 2015, ademais dun Premio María Casares de interpretación para Areta Bolado e o Premio Xuventude Crea.

Coa nosa segunda montaxe, Panamericana, confírmase a liña de traballo da nosa compañía: o artesanal vencellado a corpo e voz das actrices, a teatralidade evidenciada que pon o acento no lúdico, a música vocal e unha ollada feminista e irreverente. Elisa e Marcela, espectáculo sobre a historia real do primeiro matrimonio lésbico, recibiu grandes eloxios da crítica e 9 premios, incluíndo o Premio a Mellor Espectáculo María casares 2018, premios ás actrices, ao texto, á dirección, premios do público, premios de igualdade e LGTBIQ+.

Amasamos un teatro de creación propia e, por iso, chamámonos A panadaría, porque o noso é un oficio de tradición, de esforzo e constancia, de relación da persoa cos elementos máis básicos, co que veu antes e co que está por chegar. Porque en todo o mundo a humanidade fai pan e fai teatro, chamámonos A panadaría, para alimentar corpo e alma. A avoa de Noelia, Lola, dixo de nós: "sodes unha pandilla esplendorosa".

Páxinas suxeridas