Estás en:Novas

A Deputación licita por 333.552 euros a construción dunha rotonda na DP-1703 para mellorar as conexións dos polígonos do Espírito Santo e Bergondo

As obras mellorarán a seguridade na intersección da estrada provincial DP-1703 do Espírito Santo a Frais e a autonómica AC-24 de Guísamo a Sigrás cunha rotonda de 36 metros de diámetro

A Deputación licita por 333.552 euros a construción dunha rotonda na DP-1703 para mellorar as conexións dos polígonos do Espírito Santo e Bergondo

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de construción dunha nova rotonda que regulará o cruce da estrada provincial DP-1703 do Espírito Santo a Frais e a autonómica AC-24 de Guísamo a Sigrás. As obras contan cun orzamento de 333.552 euros.

Na actualidade, a intersección resólvese cun cruce en forma de T, que soporta un volume moi elevado de tráfico, e especialmente de vehículos pesados, xa que se trata dunha vía que empregan numerosos traballadores dos polígonos industriais do Espírito Santo e Bergondo. Así mesmo, a DP-1703 tamén conecta coa estrada N-VI, funcionando coma eixo transversal de conexión entre os concellos de Bergondo, Cambre e Culleredo. Por este motivo, a intersección actual resulta especialmente conflitiva e incluso perigosa cando conflúen varios vehículos.

A nova rotonda situarase no punto quilométrico 2+500, á altura do lugar de Frais, terá un diámetro exterior de 36 metros e contará con dous carrís de circulación. Deste modo, reordenarase a circulación no cruce, eliminando o punto conflitivo e aumentando a capacidade da vía.

O prazo de execución dos traballos estímase en catro meses a partir do seu inicio e o proxecto encargado polo departamento de Vías e Obras da Deputación determina que todas as actuacións se efectuarán sen necesidade de desvíos provisionais do tráfico.

Páxinas suxeridas