Estás en:Novas

Un escornabois e unha cadeira gañan os premios Antonio Fraguas da Deputación da Coruña

Rodrigo Riveiro e o seu proxecto "Ferraxe de prata" e o ebanista afincado en Corcubión, Frank Buschmann, fanse co XIII edición do certame de artesanía

Un escornabois e unha cadeira gañan os premios Antonio Fraguas da Deputación da Coruña

Unha cadeira elaborada por castiñeiro galego por Frank Buschmann na modalidade tradicional e un escornabois como colgante de prata, madeira e louza de J. Rodrigo Riveiro (Ferraxe de Prata) en contemporánea son os gañadores da XIII edición do Premio Antonio Fraguas de artesanía da Deputación da Coruña. Dous artesáns cunha traxectoria xa recoñecida son os gañadores na XIII edición do Premio Antonio Fraguas da Deputación da Coruña.

O xoieiro Rodrigo Riveiro e o seu proxecto "Ferraxe de prata" cun escornabois elaborado en prata de lei, madeira e louza na modalidade de contemporánea e a cadeira de castiñeiro galego de Frank Buschmann, ebanista afincado en Corcubión, na de tradicional son os novos premiados. O xurado estivo composto por artesáns como Carla Canedo Martínez, Idoia Cuesta, Elena Ferro , Manuel González e Carmen Villalba Caramés co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat en calidade de secretaria e os gañadores recibirán os 6.500 € por modalidade cos que está dotado un certame que, ademais, contempla a compra das obras premiadas.

Do colgante de escornabois da obra de Ferraxe de Prata, o xurado apuntou que se trata de "deseño contemporáneo que recupera un tipo de ourivería de autor, custosa e elaborada, que non foi tendencia nos últimos anos, cun discurso moi contemporáneo". Segundo sinalan, no artesán hai "unha determinación de presentar un tipo de traballo insólito dentro da cerámica galega". Destacan tamén que o escornabois, "ademais de ser estético ten unha funcionalidade, e suxire o uso da peza coma un relicario" no que consideran "unha peza única, que escapa da tendencia de industrialización da xoiería, identificación da peza coa autoría e non coa fabricación". Traballo ben feito, orixinalidade, autoría, sostibilidade ao recuperar as pezas de cerámicas son outras das características que o xurado valorou na obra de Rodrigo Riveiro á que tamén lle atopou outra interesante connotación que fai referencia, "á presentación do propio escornabois como portador dun valor simbólico asociado aos bosques autóctonos e o respecto polo medio e a diversidade".

En canto á cadeira de Frank Buschmann, o xurado destacou que se trata dun "traballo con técnicas de ebanistería tradicionais e factura exquisita". Valora "a intencionalidade de recuperar unhas técnicas tradicionais de ebanistería que están decaídas xunto cun bo coñecemento das madeiras e a aposta polas técnicas exactas e clásicas da carpintería, pero tamén cun deseño limpo e atemporal". A peza está deseñada con referencia en ideas sobre cadeiras feitas en Xapón nos anos 20 do século pasado achegándose a un resultado tradicional que, segundo o xurado "tira de modelos e maneiras de traballar que están máis asociadas ao tradicional que ao contemporáneo".

Rodrigo Riveiro- Ferraxe de Prata

O seu interese pola fabricación de produtos artesanais ben desde novo, primeiro co coiro para despois formarse en Xoiería Artística na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos "Mestre Mateo" de Santiago de Compostela. "Para intentar facer un bo traballo como artesán hai que ter, sobre de todo, unha sensibilidade especial cara o produto final, así como o xeito de traballar as materias primas, poñendo moito agarimo e toda a enerxía en conseguir unha peza única que reflicta o xeito no que un sinte a arte e a cultura do país, e mostrando ao mundo unha forma pouco usual de facer as cousas", defende Rodrigo Riveiro na páxina web do seu proxecto artesanal. Recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Artesanía de Galicia en 2017.

Frank Buschmann

Frank Buschmann naceu en Sudáfrica en 1969, de orixe alemán, e reside en Corcubión. Formouse en Deseño Industrial e foi responsábel do centro Matadero de Madrid, cunha ampla traxectoria na xestión cultural que mudou ao se instalar na Costa da Morte. Recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2019

Páxinas suxeridas