Estás en:Novas

A Deputación inviste 184.547 € para a construción dunha senda peonil que conectará Outeiro e Costoia, en Ames

O concello acaba de sacar a licitación as obras, que se realizarán con cargo ao Plan Único do ente provincial e que darán resposta a unha vella demanda da veciñanza

A Deputación inviste 184.547 € para a construción dunha senda peonil que conectará Outeiro e Costoia, en Ames

A Deputación da Coruña inviste 184.547,41 euros a través do seu Plan Único para mellorar a seguridade viaria no Concello de Ames coa construción dunha senda peonil que conectará as aldeas de Outeiro, na parroquia de Bugallido, e de Costoia, na parroquia de Biduído.

O Concello acaba de sacar a licitación a obra, que conta cun investimento de 184.547,41 euros con cargo ao Plan Único (POS+2019) do ente provincial.

As tarefas permitirán construír unha senda peonil de 1.115 metros de lonxitude dividida en sete treitos. Os traballos contarán coa colocación de 1.335 metros de bordo de formigón prefabricado (1.115 metros entre senda e calzada e 220 metros para a protección de noiros), dez centímetros de lastre e doce de formigón. Inicialmente tamén se contempla a construción dun muro de 100 metros de lonxitude e de 1 metro de alto para a contención de terras e a colocación dunha varanda metálica para protección.

Á súa vez, previo á execución do pavimento, levarase a cabo a canalización da tubaxe de PVC e executaranse 32 pozos de rexistro con sumidoiro para recollida de augas pluviais. Tamén se realizará a canalización de tubo de polipropileno verde para iluminación pública. Asemade, a obra contempla a reposición do pavimento afectado pola súa execución e a adaptación de pozos e arquetas que xa había á nova rasante, así como o traslado de postes.

O concelleiro de Obras e deputado provincial, Blas García, afirma que esta obra "vén unirse a outras que levamos realizando xa no noso concello, tanto no anterior mandato como no actual, e que consiste na canalización de cunetas para a construción de sendas peonís". A senda da Condomiña, a de Vilouta (Tapia), Eirapedriña e Framán (Bugallido), Biduído de Abaixo, primeiro tramo da estrada de Lapido, etc. xa construídas, xunto coas de Sisalde a Agro do Muíño, e Lapido a Maguxe (Ortoño), Ventín a Coira (Biduído) xa proxectadas e orzadas, forman parte da futura rede de conexión peonil de núcleos do concello, explica Blas García, "con esta rede peonil pretendemos unir e darlle conexión peonil a diferentes núcleos do noso municipio para facilitar o tránsito a pé con seguridade".

Esta actuación atende a unha vella demanda da veciñanza da zona, que permitirá mellorar a seguridade peonil nesta estrada que conecta o municipio de Ames co veciño Santiago de Compostela. Os traballos contarán cun prazo de execución de 6 meses.

Páxinas suxeridas