Estás en:Novas

A Deputación estuda melloras da seguridade peonil nas estradas do Camiño que pasan por Melide

O deputado de Obras, José Manuel Pequeño, reuniuse co alcalde e o tenente alcalde para analizar as principais demandas do goberno municipal

Pequeño considera "prioritario" mellorar a seguridade peonil das estradas polas que discorre o Camiño de Santiago

A Deputación estuda melloras da seguridade peonil nas estradas do Camiño que pasan por Melide

O deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño Castro, reuniuse co alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o tenente alcalde e concelleiro de Urbanismo da localidade, José Antonio Prado, para estudar as actuacións que propón o goberno local co obxectivo de mellorar a seguridade na rede provincial de estradas que atravesan o municipio melidense.

Entre elas, destacan dúas propostas: a mellora da seguridade peonil na DP 4603, á altura do núcleo de Santa María. Un punto que coincide co trazado do Camiño Francés, a pesar do cal as beirarrúas actuais están en mal estado e as zonas de paso de peóns que requiren dunha maior seguridade.

Doutra banda, o goberno local reclamou tamén melloras na DP 4604, unha vía moi transitada que conecta Melide e Toques e que forma parte do Camiño Primitivo. Pérez e Prado solicitaron ao deputado que se habilite unha zona de aparcamento na marxe esquerda da vía en sentido entrada a Melide, xa que as estreitas beirarrúas actuais están constantemente ocupadas por vehículos, o que dificulta o paso de peregrinos e residentes. Nesta mesma vía, incidiron na necesidade de construír novas sendas peonís no lugar das Barreiras, entre os quilómetros 2,5 e 3,5, así como reforzar a sinalización noutros puntos nos que se rexistran velocidades excesivas.

José Manuel Pequeño comprometeuse a estudar cos técnicos do servizo de Vías e Obras as peticións do Concello de Melide, "que consideramos que son realistas e necesarias" e considerou "prioritario" mellorar a seguridade peonil na DP 4603, pola que circulan a diario miles de peregrinos no seu Camiño a Santiago.

Neste sentido, lembrou que na confluencia da estrada DP 4603 coa N547, Fomento ten previsto construír unha rotonda, necesaria para regular a circulación de vehículos e peóns que se rexistra neste punto, polo que "na medida do posible, trataremos de coordinar as actuacións".

"Estamos facendo un importante esforzo investidor para mellorar a seguridade peonil das estradas provinciais que pasan polos Camiños xacobeos en distintos concellos da provincia e ten moito sentido que incorporemos esta petición de Melide", recalcou o deputado de Vías e Obras.

Páxinas suxeridas