Estás en:Novas

Alumnos da Escola de Práctica Xurídica da USC realizarán prácticas nos concellos da provincia co apoio da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación, o reitor da USC e o presidente do Colexio de Avogados de Santiago asinaron hoxe o convenio, que permitirá aos graduados en Dereito coñecer o funcionamento da administración local

Alumnos da Escola de Práctica Xurídica da USC realizarán prácticas nos concellos da provincia co apoio da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal Mosquera, asinaron esta mañá, na sede da institución provincial, un convenio de colaboración para o financiamento das prácticas dos alumnos da Escola de Práctica Xurídica da USC nos departamentos de urbanismo dos concellos da provincia. O acto contou tamén coa presenza do director da Escola de Práctica Xurídica e do mestrado de avogacía da USC, Lotario Vilaboy.

O obxecto do protocolo é proporcionar as necesarias prácticas xurídicas aos licenciados en graduados en Dereito e alumnos da Escola, que serán encargados da realización de estudos, informes, escritos e xestión de expedientes, o que lles proporcionará un coñecemento directo, mediante supostos concretos e reais, do traballo diario que se realiza nos departamentos de urbanismo dos concellos.

Ao mesmo tempo, este acordo axudará a fortalecer os servizos urbanísticos dos concellos da provincia da Coruña, que precisan da colaboración de titulados en Dereito que realicen labores de asesoramento en diversas materias relativas ao desenvolvemento da súa actividade, procurando así unha mellor atención para os cidadáns.

A Deputación achega 48.000 euros para financiar as prácticas dun máximo de 20 alumnos durante este ano.